Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Xornada de portas abertas e mesa redonda mañá xoves en Tui para conmemorar os 60 anos do Cabo Fradera

13/09/2023

O acto central será o  venres coa entrega dun bandeirín  por parte do concello

Unha xornada de portas abertas e unha mesa redonda abren mañá xoves en Tui os actos conmemorativos do 60 aniversario da presenza en Tui do patrulleiro Cabo Fradera.

Así mañá xoves de 16 a 19 h nas instalacións da Comandancia Naval do Miño, na Baixada ao Embarcadoiro, haberá unha xornada de portas abertas na que se poderá visitar unha exposición de material da Armada. Amais ás preto de 90 persoas que se inscribiron até onte martes poderán subir a bordo do Cabo Fradera. A continuación, ás 20 h, no salón de actos da aula da UNED, na rúa Antero Rubín, celebrarase unha mesa redonda sobre este sesenta aniversario da chegada a Tui do PVI Cabo Fradera que se cumpriu o pasado domingo 10 de setembro. Participarán o CF Enrique García González, excomandante Naval do Miño, Rosendo Bugarín González, autor do libro “Tui y la Armada e José Joaquín García Rodríguez ‘Pepín Pernas’, medalla ao mérito naval. Será moderada por José A. Font Moldes, director da Radio Municipal de Tui. Os relatores achegarán as súas vivencias e experiencia sobre a presenza deste patrulleiro en Tui e como ao longo dos anos se conforma como un elemento representativo da nosa cidade.  A entrada será libre até  completar o aforo.

Mentres este venres, 15 de setembro, ás 11.30 h terá lugar o acto central desta conmemoración nas instalacións da Comandancia Naval. O Concello de Tui fará entrega dun bandeirín ao patrulleiro Cabo Fradera con motivo do sesenta aniversario da súa presenza en Tui e como recoñecemento da nosa cidade a ampla traxectoria deste patrulleiro e a súa permanente contribución á vida do noso municipio a longo destas décadas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, indica que o acto de entrega dun bandeirín co escudo do buque con motivo do sesenta aniversario da presenza en Tui do patrulleiro de vixilancia interior Cabo Fradera da Armada testemuña “o recoñecemento a súa traxectoria, actividade e implicación coa cidadanía tudense e do Baixo Miño”.