Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Centro de Interpretación do Camiño de Santiago

Antero Rubín s/n

Unha das salas do antigo convento de San Domingos, na rúa Antero Rubín, acolle o Centro de interpretación "Tui, porta do camiño portugués a Santiago". O seu obxectivo é promover entre os peregrinos, os visitantes e os propios veciños de Tui o coñecemento da historia e do patrimonio vinculado na cidade ao camiño de peregrinación a Compostela. Abre de luns a venres de 16 a 22h. 

A través de distintos paneis informativos, en varios idiomas, achéganse ao visitante diversos aspectos das peregrinacións xacobeas que dende os seus inicios ligaron á cidade de Tui a este Camiño de Santiago.

O hospital para peregrinos, o culto xacobeo na catedral tudense, os máis destacados peregrinos cuxo paso está documentado na cidade, e os principais enclaves do Camiño Portugués ao seu paso por Tui son recollidos na información ofertada.  Amais a través dunha serie de caixas de luz se presenta o percorrido do Camiño portugués dende Valença ata Santiago de Compostela, con imaxes de gran formato sobre os principais enclaves. A exposición complétase cunha imaxe de San Roque cos atributos de peregrinos, e outros obxectos vinculados ao fenómeno xacobeo na cidade.

Tui é a porta de entrada do Camiño Portugués a Galicia, nunha ruta xacobea recoñecida como itinerario cultural europeo dende 1987.

O número de peregrinos que anualmente saen de Tui ou pasan pola cidade camiño de Compostela tense incrementando de xeito notable ao longo dos últimos anos.

O Concello de Tui conta cunha páxina en Facebook “Tui, Camino de Santiago”, onde oferta información sobre esta vía de peregrinación.