Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebrará do 17 ao 31 de marzo unha Semana Santa singular e única en Galicia

11/03/2024

O programa ábrese este domingo co pregón da Semana Santa. A escenificación do Horto das Oliveiras e  a visita aos Monumentos centrarán o programa do Xoves Santo

A Semana Santa de Tui é única e singular en Galicia. Así o expuxo esta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, na presentación do libro editado polo Concello de Tui no que se recolle o programa previsto dende o domingo 17 ao domingo 31 deste mes de marzo en Tui, xunto a numerosas fotografías de Chico Bugarín dos distintos actos previstos, así coma un texto no que se recolle a escenificación do Horto das Oliveiras, da que hai referencia documental da súa celebración xa no ano 1818.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, presentou esta programación xunto a Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura, Jorge Gonçalves Murta da Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, o vicepresidente da Asociación “Cristo da Agonía” – antigos voluntarios de Protección Civil de Tui, e de D. Santiago Freire, párroco de Tui.

Enrique Cabaleiro, aludiu á aposta do Concello de Tui  pola posta en valor e difusión da Semana Santa  “ao ser unha das sinais de identidade relixiosa e cultural de Tui” que conta cunha longa tradición, documentada xa en 1653 cando no Venres Santo hai referencia á celebración do Santo Cristo. Aludiu tamén ao Horto das Oliveiras, unha tradición que a Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia mantén viva e que cada Xoves Santo se pode visitar na Capela da Misericordia, sendo hoxe en día unha “escenografía única en Galicia”. Do mesmo xeito o rexedor tudense destacou coma o monumento da Semana Santa na Catedral é único en España.

Afirmou amais Enrique Cabaleiro que a Semana Santa de Tui ten tamén un altísimo valor como recurso turístico que “xustifica a visita á nosa cidade ao longo destes días”, cunha oferta que se completa coas visitas autoguiadas ou coas ofrecidas polos guías  profesionais, e coa oferta gastronómica, que ligada ás festas de Santa Telmo se adianta para abranguer tamén á Semana Santa.

 Pola súa parte a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explicou que co libro editado, a petición das confrarías, dáse maior percorrido a este evento, tendo en conta dicía “que temos unha Semana Santa diferente, distinta a de outros municipios” aludindo ao Horto das Oliveiras na capela da Misericordia ou a visita aos monumentos, que se realiza tamén o Xoves Santso, que con iniciativas coma esta se dan a coñecer

Jorge Gonçalves Murta da Irmandade do Docísimo Nome de Xesús agradecía a colaboración que teñen para continuar a desenvolver os distintos actos da Semana Santa, e o vicepresidente da Asociación do Cristo da Agonía, amosa o orgullo por poder participar nos actos procesionais.

Por último o párroco de Tui, Santiago Freire, agradecía a colaboración do Concello para difundir os actos da Semana Santa, así coma da Irmandade,  da asociación do Cristo da Agonía e de todas as persoas que colaboran na súa realización. Lembraba que amais dos actos que teñen lugar nas rúas a Catedral acolle tamén estas celebracións.

O programa da Semana Santa en Tui comezará este domingo, 17 de marzo, ás 18 h na capela das Reliquias da Catedral  coa lectura do pregón da Semana Santa a cargo do José María Lores Pérez, profesor xubilado do IES San Paio, e concerto a cargo do Conservatorio Profesional de Música de Tui. Este evento está organizado pola Asociación Amigos da Catedral.

O domingo 24, Domingo de Ramos, ás 11h na praza de San Fernando terá lugar a beizón de Ramos seguida de procesión e misa na Catedral.

O Mércores Santo, 27 de marzo, ás 12 h na Catedral terá lugar a Misa Crismal presidida polo bispo da Diocese, e concelebrada polo presbiterio diocesano.  O Xoves Santo, 28 de marzo, ás 19.30 h na Catedral celebrarase a Misa Vespertina da cea do Señor. Dende ás 19 h até ás 23 realizarase a visita aos monumentos cun tradicional percorrido pola Catedral, a Igrexas das Monxas Clarisas, a Igrexa de San Telmo, a Capela da Residencia San Telmo, a Igrexa de San Domingos e a igrexa de San Bartolomeu. Na Capela da Misericordia poderase visitar a representación do Horto das Oliveiras. Os actos deste día pecharanse ás 23 h na Catedral coa Hora Santa.

O Venres Santo, 29 de marzo, os actos comezarán ás 11 h coa saída dos pasos dende a Capela da Misericordia até a Praza de San Fernando onde terá lugar o Sermón do Encontro a cargo de D. Santiago Freire Comesaña, cóengo e párroco de Tui, para dar paso á procesión polas rúas da cidade. Organiza este acto a Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia coa colaboración da Asociación “Cristo da Agonía” - Antigos Voluntarios de Protección Civil de Tui.

Ás 18 h na Catedral celebrarase a Paixón do Señor. E xa ás 20 h na igrexa de San Domingo terá lugar o sermón do desencravo a cargo de D. Santiago Freire Comesaña, cóengo e párroco de Tui, que dará paso á procesión do Santo Enterro polas rúas da cidade ata a igrexa parroquial. Este acto procesional está organizado tradicionalmente  polo Concello de Tui coa colaboración da Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia.

O Sábado Santo, 30 de marzo, ás 8 h sairá dende a igrexa de San Francisco até a Catedral a procesión de Nosa Señora da Soidade, con sermón a cargo de D. Santiago Freire Comesaña, cóengo e párroco de Tui. E ás 20 h  na igrexa parroquial de San Francisco celebrarase a Vixilia Pascual.

Por último o Domingo de Pascua, 31 de marzo, o bispo da Diocese presidirá na Catedral a Misa Pascual.

Semana Santa 2024