Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Tui celebra o 17 de maio a XXI Feira do Libro galego cun amplo programa de actividades

11/05/2018

As librarías Espazo Lector Nobel e Iris ofrecerán un 10% de desconto

O Paseo da Corredoira acollerá o próximo xoves, 17 de maio, a XXI Feira do Libro Galego organizada polo Concello de Tui coa colaboración das librarías Espazo Lector Nobel e Iris .

A presentación deste evento tivo lugar esta mañá na casa do concello por parte do  alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, e os representantes das librarías Iris, Pilar Fernández, e Espazo Lector Nobel, Javier Oliveira.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, congratulouse da continuidade desta feira e amosou o seu convencemento en que será un éxito nunha xornada para celebrar a lingua, a cultura e o libro.  Salientou que “o libro ten moitísima importancia para construír  sociedades máis libres, sociedades máis plurais, máis tolerantes” polo que “dende o concello imos seguir apostando polo libro, como un elemento fundamental para facer un Tui mellor”.

O concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, comezou cunha lembranza para Librería Valverde, que por vez primeira non participará na feira ao pechar as súas portas a finais do ano pasado. A continuación explicou o programa previsto que comezará coa inauguración da feira pola escritora tudense Conchi Regueiro, autora de “Tempos Agradables” pola que recibiu o III Premio de novela Mulleres Progresistas no 2001; “Un marciano neste mundo” co que foi finalista do I Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil en 2004, “A herdanza do Marqués”, “Dez arcos de vella”, “O tesouro das ánimas”, e “Un burato no aire”. Ao longo da xornada actuarán o grupo de pandereteiras As Dabadía de Caldelas, a Coral Ponte das Febres, a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, o grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro e a Coral do Centro Sociocomunitario de Tui. Pero amais Saleta Fernández achegará o contacontos “Pan e chocolate”, haberá un obradoiro de marcapáxinas, circo de rúa con Pajarito e o espectáculo “A vida tola” e teatro de rúa con Ghazafelhos e a obra “O vendedor de fume”.

Coma novidade Eduardo Freiría destacou a presenza na feira dunha das tres bibliotecas móbiles realizadas polo curso de Montaxe de Mobles e elementos de carpintería impartido no Centro Municipal de Formación.  Tamén estarán expostos os maios e paneis informativos sobre a figura de Mª Victoria Moreno realizados polos centros escolares e asociación culturais de Tui.

Pilar Fernández da librería Iris explicou que presentarán as últimas novidades editoriais, a obra e biografías da autora homenaxeada este ano, Mª Victoria Moreno, unha pequena mostra de libros portugueses e as obras do autores tudenses.

Javier Oliveira de Espazo Lector Nobel sinalou que levarán á feira 500 títulos de 30 editorias destacando a obra “A Nova Nursia” sobre Frai Rosendo Salvado e  Aloianos de Alberto Romer.

Nos quince postos que haberá na feira as librarías tudenses Espazo Lector Nobel e Iris , que ofrecerán un 10% de desconto.

Programa previsto