Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui aposta polos investimentos verdes logrando xa 7 millóns de euros de fondos europeos

27/09/2023

Os diferentes Plans permiten poñer en valor os recursos patrimoniais máis senlleiros como o Teatro Principal, o Cárcere Vello, a recuperación da muralla, o embelecemento do conxunto histórico ou a reforma integral da Praza de Abastos xunto a recuperación e posta en valor do patrimonio natural baixo criterios de eficiencia e sostibilidade

Hoxe, 27 de setembro, celébrase o Día Mundial do Turismo, centrado este ano a nivel internacional no turismo verde. Coincidindo con esta data o Concello de Tui fai balance dos investimentos verdes realizados ou previstos no municipio grazas aos máis de 7 millóns de euros de fondos europeos conseguidos para este fin, nunha aposta inequívoca para impulsar un desenvolvemento sostible e respectuoso co medio ambiente. Estes proxectos, algúns xa en marcha, e outros que se executarán proximamente teñen por obxectivo transformar o municipio mellorando a calidade de vida da cidadanía e preservando o entorno natural para que Tui sexa un concello sostible, inclusivo e que atraia economía vinculada ao territorio e ao seu potencial natural e cultural.

As intervencións previstas realizaranse seguindo criterios de eficiencia e sostibilidade para a posta en valor dos recursos patrimoniais máis singulares de Tui, e que contan cun gran potencial para atraer un turismo de calidade durante todo o ano.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, destaca que “o obxectivo é aproveitar esta oportunidade que nos da o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para adaptarnos ás novas demandas da veciñanza e da dinámica turística do concello realizando os investimentos con parámetros de eficiencia enerxética, conservación dos recursos e inclusión social e sobre todo anticipándonos ao futuro”.

Así o Plan de Sostibilidade Turística en Destino, PSTD, “Vive a historia, descobre Tui: conexión sostible entre patrimonio e natureza” suporá un investimento de 2 millóns de euros. Permitirá abordar actuacións relevantes como a  recuperación da zona das murallas  e o embelecemento da zona intramuros mellorando a dotación de servizos e suministros para fixar poboación e actividade no conxunto histórico.

Outros 2 millóns de euros serán destinados á rehabilitación da Praza de Abastos e o seu entorno. En pleno corazón do conxunto histórico investiranse 1,3 millóns de euros en dous edificio municipais. Será na rehabilitación do Cárcere Vello para converterse nun Centro de Recepción e Atención de Peregrinos e Centro de Interpretación Histórico-Artístico, xa en fase de licitación, e no Teatro Principal, para o que  se conta xa con 772 mil euros.

Por outra banda o Concello de Tui está tamén comprometido coa recuperación do espazo natural e ambiental habilitando sendas e recuperando espazos que avogan polo respecto da biodiversidade e do patrimonio natural e cultural. Este o caso da senda do rio Furnia que esta a executar o Obradoiro de Emprego e que estará concluída en outubro, da senda do rio Caselas para a que existe xa un convenio coa Confederacion Hidrografica do Miño-Sil, ou a senda da Mariña-Metralla, a pasarela sobre a desembocadura do Louro, e ou a actuación prevista co próximo obradoiro do emprego que mellorará a senda dende Areeiros até Caldelas. No seu conxunto estes proxectos superan os 2,5 millóns de euros.

Por último a alianza transfronteiriza permitiu captar investimentos para actuacións de mellora da mobilidade no territorio como é o caso de 50.000 euros para un vehículo eléctrico para o uso compartido de servizos na fronteira.

Estas son parte dos investimentos verdes previstos que abranguen dende  o río Miño, a contorna monumental e os recursos patrimoniais coma protagonistas de proxectos transformadores centrados na eficiencia enerxética e redución da pegada de carbono, a resiliencia e na inclusión (accesibilidade). Con esta filosofía de actuación o Plan de Acción de Axenda Urbana contempla importantes proxectos como a renaturalización fluvial do río Miño e as ribeiras dos ríos de interior, a renaturalización do parque natural do Monte Aloia  e área de Rede Natura,  mellora da accesibilidade da cidade histórica desde a área fluvial,  actuacións para o aproveitamento dos recursos turísticos como poden ser os ligadas ao termalismo, a dinamización do comercio local ou a dinamización do conxunto histórico focalizado no turismo.

Mesa redonda para coñecer boas prácticas e éxito de inscricións nas experiencias turísticas.

Por outra parte gran acollida a que está a rexistrar a proposta de actividades organizadas polo Concello de Tui con motivo deste Día Mundial do Turismo. Nalgunhas das actividades as prazas están completas e noutras quedan xa poucas dispoñibles. Así na experiencia dun paseo musical en barco polo Miño so queda algunha entrada para o pase das 17 h. O mesmo acontece na xornada de portas abertas ao viveiro de Areas, onde a curiosidade por coñecer este espazo con gran valor botánico e edificacións arquitectónicas de calidade ten ocupado xa unha alta porcentaxe do aforo previsto. Mentres está xa completa a experiencia do roteiro pola beira do Miño do domingo con visita ao Balneario de Caldelas. As persoas interesadas nas experiencias nas que aínda quedan vacantes poden inscribirse en tuirismo@tui.gal.

Cómpre lembrar que mañá xoves o concello de Tui convida ao sector turístico e colectivos sociais e culturais a asistir á xornada “Oportunidades de Turismo Verde en Tui” que terá lugar ás 18.00 h na Sala Félix Rodríguez do Edificio Francisco Sánchez (antiga Área Panorámica). Contará cunha mesa redonda moderada polo xornalista especializado no Camiño de Santiago, Cristobal Ramírez na que se presentarán proxectos galegos exitosos de desenvolvemento  turístico sostible coa participación de:

  • María Abuín de Máis que Románico (empresa de turismo cultural que deseña e comercializa rutas que interpretan patrimonio e territorio  cun modelo de xestión responsable )
  • Diego Chapela da Fundación Juan XXIII (Xestión por parte dun colectivo de iniciativa social do espazo comunal do Lago de Castiñeiras para uso turístico)
  • Leticia Castro Gondar,  responsable da marca  AWA e Presidenta de  Grove Makers (asociación de artesáns e creativos do Grove con pequeno comercio de autor)
  • Alberto Romero Rodríguez e Ricardo da Silva Diz da Asociación de Muiñeiros do Río Tripes (entidade local de promoción  do patrimonio cultural etnográfico, arquitectónico e paisaxístico)

A xornada rematará co relatorio “Reflexións e retos do Turismo Verde en Tui” a cargo de Ana  M.ª Núñez Álvarez, 1ª tenente de Alcalde de Tui e concelleira de Turismo.