Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Seis grupos con preto de 60 persoas participan este ano na VII Semana do Teatro Amador San Telmo <br>Celebrarase do luns 6 ao sábado 11 no Teatro Municipal de Tui

1/04/2015

 

Martes, 31 de marzo de 2015.  O Teatro Municipal de Tui acollerá do luns 6 ao sábado 11 de abril a  VII Semana do Teatro Amador San Telmo 2015 organizada polo Concello de Tui. Na mesma van participar seis grupos de teatro tudenses que conxunto suman ao redor de 60 persoas.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, xunto a un representante de cada un dos grupos de teatro participantes foron esta mañá os responsables da presentación desta actividade.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou que se trata dunha semana consolidada grazas a aposta feita polos grupos de teatro tudenses, ao tempo destacou a gran acollida que ten por parte do público. Tivo amais palabras de lembranza, Moisés Rodríguez, para José Urceira do grupo de teatro de Areas, que actuou nesta semana de teatro e dicía "foi un puntal fundamental" para o seu grupo teatral.

 

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, destacou a ilusión que poñen neste evento todos os actores afeccionados que participan no mesmo ao longo dos seis días en que se celebra, sumando xa sete anos de actividade continuada.

 

Esta programación teatral comezará o próximo luns, 6 de abril, ás 21.15h no Teatro Municipal da man do grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Xuntaza de Randufe. Miguel Ángel Martínez, un dos membros do grupo explicou que este ano con "Pementos, cochos e santa compaña" deron un cambio radical na traxectoria do grupo levando a escena unha obra escrita por eles mesmos baixo a dirección de Areta Bolado.

 

O martes 7, ás 21.15h o grupo de teatro da Asociación San Fins de Rebordáns representará "César a gusto", unha comedia ambientada en Roma coma explicaba Sofía González, unha das actrices.

 

O mércores 8, ás 21.15h, será a quenda do grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario, que levará a escena "Un Morto, morto", unha comedia con moito suspense segundo sinalaba Carmen Álvarez "Melo".

 

O xoves 9, ás 21.15h actuará o grupo de teatro Caldemiños da Asociación A Insua de Caldelas con "Hai que lío!". Unha representación que segundo María Luísa Villaverde será especial para moitos membros do grupo que por distintos motivos teñen que deixar a actividade.

O venres estréase o grupo de teatro da Asociación Santiago de Malvas  con 2O Achado do Castro" baixo a dirección de dúas mozas da parroquia. Unha delas é Claudia Bernández quen explicou que a montaxe da peza non foi doada xa que se están iniciando no teatro.

 

Por último o sábado, ás 20.15h, o grupo de teatro Aloia da Asociación Aloia de Pazos de Reis presenta a comedia "O pobo das mulleres", con dez actores, dous deles novos, segundo sinalaba Miguel Ángel Pazo.

 

As entradas, sen numerar, para cada función poranse á venda media hora antes do comezo do espectáculo no despacho de billete ao prezo de 1,5€.

 

VII Semana de Teatro Amador San Telmo.

Do luns 6 ao sábado 11 de abril. Teatro Municipal.

Venda de entradas sen numerar, ao prezo de 1,5€, media hora antes do comezo da función. Unha vez iniciado o espectáculo non se poderá acceder ao patio de butacas.

 

  • Luns 6 ás 21.15h. O grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Xuntaza de Randufe presenta "Pementos, cochos e santa compaña".
  • Martes 7 ás 21.15h. O grupo de teatro da Asociación San Fins de Rebordáns presenta "César a gusto"
  • Mércores 8 ás 21.15h. O grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui presenta "Un morto, morto".
  • Xoves 9 ás 21.15h. O grupo de teatro Caldemiños da Asociación A Insua de Caldelas presenta "Hai que lío!".
  • Venres 10 ás 21.15h. O grupo de teatro da Asociación Santiago de Malvas presenta "O achado do castro".
  • Sábado 11 ás 20.15h. O grupo de teatro Aloia da Asociación Aloia de Pazos de Reis presenta "O pobo das mulleres".