Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Consorcio do Louro vai instalar unha planta de enerxía solar na EDAR de Guillarei cun investimento de 430 mil euros

13/09/2023

A instalación de paneis fotovoltaicos suporá un aforro do 15% da enerxía eléctrica o que implica a redución da factura da luz en máis de 71.000 euros anuais e da emisión de CO2 en 180 toneladas/ano

O Consorcio de Augas do Louro vén de iniciar as obras de construción dunha instalación de enerxía solar fotovoltaica na EDAR de Guillarei, en Tui. Trátase dunha planta para autoconsumo de 420 kWp de potencia que contará con máis de 2.000 metros cadrados de paneis distribuídos en catro zonas.

A primeira situarase no chan sobre unha zona axardinada mentres que as outras tres situaranse sobre as cubertas do edificio de control e dos edificios de pretratamento e de tratamento de lodos.

As obras, valoradas en 429.167,86 euros, forman parte das melloras contempladas no contrato asinado con FCC Aqualia SA para a explotación, mantemento e conservación das instalacións adscritas ao Consorcio.

O presidente do Consorcio de Augas do Louro,Alejandro Lorenzo, indica que “a actuación suporá un importante aforro de enerxía que terá consecuencias positivas tanto economicamente como para o medio ambiente”. Engade que "esta planta permitirá a produción de 547.934 kWh de enerxía fotovoltaica, de xeito que se acadará unha diminución do 15% no custe da factura eléctrica da EDAR de Guillarei, o que suporá un aforro de máis de 71.000 euros anuais nesta instalación que depura as augas residuais dos concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui”, remarca Lorenzo. Por outra banda, a actuación terá “un impacto ambiental tamén moi importante, ao reducir a emisión de CO2 en 180 toneladas ao ano”.

Neste aspecto, cabe salientar que a EDAR de Guillarei xa conta, dende a súa posta en servizo en 2010, cun sistema de produción de enerxía eléctrica mediante un motor de combustión de metano, gas producido in situ durante o tratamento dos lodos da auga residual. Este sistema vén permitindo aforrar anualmente arredor dun 32% da enerxía total consumida.

Autoconsumo, o 50% en 2024 e o 100% en 2040

Esta nova instalación fotovoltaica, xunto coa introdución de varias melloras no sistema de control de temperatura e concentración de lodos na produción do biogás e coa optimización do sistema de carburación do motor de combustión de metano, permitirá acadar en 2024 o 50% de produción eléctrica para autoconsumo na EDAR de Guillarei, 6 anos antes do prazo fixado nas novas directivas europeas, ao tempo que posibilita seguir coa folla de ruta marcada polo Consorcio de acadar un 75% de produción para autoconsumo antes de 2035 e un 100% en 2040.