Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Consorcio de Augas do Louro Lanza unha nova Aquaventura coa cuadrilla sostible

29/03/2023

Trátase da sexta edición do concurso de debuxo infantil que se está a presentar esta semana en todos os colexios de Tui, Mos, O Porriño, e Salceda de Caselas

O Consorcio de Augas do Louro está a presentar nos centros educativos de Tui, Mos, O Porriño e Salceda de Caselas a sexta edición do seu concurso de debuxo infantil dirixido a escolares de 3º e 4º de Educación Primaria..

Precisamente ao longo desta semana, persoal de Aqualia está entregando as bases da sexta edición deste certame a todos os colexios dos catro concellos integrantes do Consorcio (Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui). Todo o alumnado que así o desexe poderá participar realizando un debuxo no que quede reflexado o coidado da auga e do medio para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Os traballos deben xirar arredor do conto, no que a Cuadrilla Sostible realiza a ruta Aquaventura a bordo do Aquabús, descubrindo os seis ecosistemas: montañas, polos desertos, zonas húmidas, estepas e sabanas; e en cada etapa coñecen ademais cada unha das seis fases xestión do ciclo integral da auga: captación, tratamento, almacenamento, distribución, saneamento e depuración.

O prazo de presentación de propostas remata o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente

“Trátase dun xeito lúdico de concienciar á cativada no uso responsable da auga, dándolle a coñecer a importancia que este recurso ten nas nosas vidas e as claves e protexer a biodiversidade”, explica o presidente do Consorcio, Alejandro Lorenzo. Así, ao longo desta aventura danse exemplos de reciclar, de non malgastar a auga, de usar menos plásticos, non estragar a comida, de que cousas non se deben tirar no inodoro.... todo dun xeito didáctico e divertido da man dun personaxes animados que, ao final da historia, invitan a poñer en práctica todos os bos consellos aprendidos.

O prazo de entrega de propostas remata o 5 de xuño de 2023, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente. Todos os traballos serán valorados por un xurado que será o que conceda os premios, proclamarase un gañador en cada un dos catro concellos, galardoado cunha tableta, e dous finalistas tamén en cada municipio, cuxo premio consistirá nun reloxo dixital.