Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui solicita a colaboración das persoas propietarias de parcelas na beira do río Furnia

12/03/2024

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil levará a cabo a eliminación de especies coma o bambú

O Concello de Tui solicita a colaboración das persoas propietarias de terreos nas beiras do río Furnia para facilitar a eliminación de especies invasoras, nesta zona. Trátase de bambú que ten colonizado terreos de propiedades privadas lindeiras co dominio público hidráulico para evitar que se estendan e colonicen as ribeiras do río.

Dende o Concello de Tui están a contactar coas persoas propietarias da parcelas afectadas para solicitar a súa autorización para os traballos que na zona vai desenvolver Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a retirada de especies alóctonas de coñecido potencial invasor do Dominio Público Hidráulico, dentro do Programa de Conservación e Mellora do estado ecolóxico dos ríos da conca Miño-Sil.

En concreto a actuación vai consistir na eliminación de rodais de bambú das ribeiras do Furnia e na zona de servidume empregando métodos compatibles coa conservación dos ecosistemas ribeireños. Para iso prevén cortas de parte aérea, a cubrición do terreo con manta de polietileno durante 2 anos ata deixar inviable a capacidade de rebrote das raíces.  De ser preciso contémplase a posterior repoboación con vexetación de ribeira.

Estes labores previstos agora no Furnia serán semellantes aos realizados na beira do río Tripes onde fora colocada manta de polietileno que está estes días a ser retirada tras cumprir coa súa función e evitar o rebrote de especies invasoras. Precisamente no Furnia será reempregada a manta de polietileno que se está a ser retirada no Tripes

As persoas con parcelas invadidas por bambú lindeiras ou situadas no Dominio Público Hidráulico do río Furnia poden contactar co Concello de Tui para ampliar esta información.

Dende o Concello de Tui agradécese a colaboración cidadá para permitir esta actuación nun entorno natural de gran valor coma é a beira do río Furnia, permitindo así conservar a súa biodiversidade.

A Confederación Hidrográfica do Miño Sil amais da eliminación das especies invasora vai proceder tamén a limpeza dos troncos de árbores que hai no cauce do río Furnia.