Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui e a Confederación Hidrográfica do Miño Sil asinaron esta mañá o protocolo de colaboración para a senda río Caselas

27/03/2023

Suporá un investimento de 935 mil euros e contemplará a recuperación de dous muíños, unha levada e a senda até Salceda

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, CHMS, José Antonio Quiroga, asinaron esta mañá o convenio que posibilitará a recuperación da senda do río Caselas.

Nunha primeira fase recuperarase o patrimonio etnográfico presente na zona, dous muíños e unha levada, e na segunda executarase a senda propiamente dita. Suporá un investimento de 935 mil euros. Arestora o proxecto está en fase de redacción, que sairá logo a licitación. Tras a adxudicación, as obras poderían comezar este verán.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu o compromiso do presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, José Antonio Quiroga, “con este Concello e co medio natural”. Lembrou como para o goberno que preside dende o inicio do mandato, a recuperación dos leitos fluviais “é unha prioridade”. Nese senso, aludiu á recentemente colocada ponte sobre a desembocadura do río Louro, co que se cumpre “unha demanda histórica da cidadanía” así como o tramo de senda entre a praia da Metralla e a praia de Areeiros, tamén en colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño Sil.

Por outra banda, indicaba que a Deputación de Pontevedra está executando o tramo de senda entre a praia da Mariña e a da Metralla e aludía tamén o alcalde de Tui ao traballo que se está a realizar na senda do río Furnia.

Salientaba ademais Enrique Cabaleiro coma, co convenio asinado hoxe, se recuperará a senda do río Caselas. Algo que é posible “grazas á planificación realizada dende o Concello e polo compromiso do presidente da Confederación”, motivo polo que o convidou a asinar no libro de honra do Concello de Tui.

Pola súa banda o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga sinalou que “poñemos en marcha hoxe a recuperación e posta en valor do patrimonio etnográfico e fluvial do río Caselas ao seu paso polo Concello de Tui”. Detallaba as accións a realizar na zona da desembocadura “coa recuperación de dous muíños,  do Medio e  da Seña, pero tamén a recuperación e restauración da antiga levada augas abaixo destes dous muíños, “creando un zona medioambiental e, etnográficamente falando, moi transcendente e importante”. Engadía José Antonio Quiroga que nunha segunda fase, recollida tamén neste convenio, contémplase unha senda de 2.100 metros até o límite con Salceda.