Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui, ao través do proxecto Depogap, diminuirá o gasto enerxético e o impacto ambiental en instalacións públicas

5/05/2015

O Concello de Tui asinou recentemente coa Deputación de Pontevedra un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto “Depogap: Xestión de activos da provincia de Pontevedra”. O seu principal obxectivo é dotar ao concello de información interna que lle permita optimizar a xestión dos seus activos, amais de fomentar a participación dos cidadáns na administración, e adquirir o coñecemento necesario sobre eficiencia enerxética para diminuír o gasto enerxético e o impacto ambiental. Perséguese así o uso eficiente dos activos públicos coma edificios públicos, instalacións polideportivas, centros sanitarios ou de ensino, vías públicas, parques e xardíns, iluminación pública, contedores...

 

O desenvolvemento do proxecto implica por unha banda realizar un inventario dos activos municipais, elaborar un catálogo de normas e procedementos de actuación para garantir a súa actualización continua, amais da posta en marcha dunha plataforma tecnolóxica para a xestión destes activos. Tamén inclúe probas piloto de eficiencia enerxética e a realización dun plan de xestión do cambio mediante a execución dun plan de comunicación, formación e dinamización.   Tamén se contempla fomentar a participación e a comunicación coa cidadanía ao través dun portal e unha aplicación para dispositivos móbiles.

Este proxecto Depogap está cofinanciado nun 70% polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ao través de fondos FEDER.