Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Club Kayak Tudense, Campión de España por décima vez consecutiva, suma dezaseis campionatos no seu palmarés

25/03/2015

 

Martes, 24 de marzo de 2015. O Club Kayak Tudense proclamouse Campión de España, por décima vez consecutiva, no Campionato de España de Inverno de Piragüismo, celebrado en Sevilla a pasada fin de semana.

 

Os padeeiros tudenses competiron o sábado na xornada clasificatoria, na distancia de 2.000 metros, sendo as finais o domingo, na distancia de 5.000 metros, obtendo grandes resultados. Así, os resultados máis destacados foron os de Roi Rodríguez, quen acadou as medallas de ouro en K1 sub23 e prata na categoría absoluta, José Luis Bouza, bronce en C1, Ana Varela, cuarta en K1 sénior feminina, Diego Piña e Víctor Rodríguez, sexto e noveno en K1 sénior masculino, David Costa e Manuel Garrido, sexto e décimo en C1 sénior masculino. Nesta mesma categoría, Brais Casas, acadou a sétima posición, obtendo a medalla de ouro na categoría sub23.

 

Cos resultados obtidos polos vintesete padeeiros tudenses desprazados a Sevilla, o club de Tui acadou por décima vez consecutiva o título de Campión de España de Piragüismo, impoñéndose aos seus rivais, o Piragüismo Aranjuez e o Náutico de Sevilla, por 184 e 228 puntos respectivamente.

 

O Concello de Tui felicita ao Club Kayak Tudense pola consecución deste décimo título de Campión de España de forma consecutiva, dezaseis en total no seu palmarés, así como a todos os padeeiros, técnicos e xunta directiva, polos excelentes resultados acadados.