Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A mesa do Camiño Portugués en Tui reuniuse onte para abordar os retos actuais

29/03/2023

O gran desafío do sector é mellorar a calidade de atención por parte dos axentes implicados. Na reunión expuxéronse as boas expectativas para este ano 2023

Na tarde de onte tivo lugar unha nova sesión da Mesa do Camiño Portugués en Tui. Nela participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a deputada provincial de Turismo, Ana Laura Iglesias, o director de Xestión do Xacobeo da Xunta de Galicia, Ildefonso de la Campa, así como representantes da hostalería, a restauración, as asociacións de amigos do Camiño de Santiago e da Igrexa.

O rexedor tudense realizou unha análise dos datos estatísticos sobre a afluencia de peregrinos na cidade tanto no ano 2022 e os datos dos primeiros meses deste ano 2023, que apuntan a un notable incremento no número de peregrinos polo Camiño Portugués. Por tanto, as expectativas para este ano son altamente positivas.

Enrique Cabaleiro informou sobre as actuacións que está realizando o Concello de Tui nos últimos meses en torno ao Camiño Portugués, como é a mellora da seguridade viaria na área da Virxe do Camiño. Tamén referiuse ás obras de humanización na rúa Antero Rubín e Coengo Valiño e ao inminente comezo das obras na Avenida de Portugal.

Anunciou tamén a redacción do proxecto para a mellora do Camiño da Barca, polo que vai a traza do Camiño a executar nos vindeiros meses, e comentou as diversas accións de promoción realizadas (presenza en Fitur, Foro do Camiño Portugués, exposicións, etc).

Tanto o representante da Xunta de Galicia, Ildefonso de la Campa, como da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, comentaron os proxectos en marcha. No primeiro caso, a aprobación do novo Plan Director dos camiños en Galicia cun investimento de 140 M, e no caso da Deputación expuxo os diversos programas de actuación que inciden no Camiño especialmente para favorecer a súa mobilidade: Reacpon ou Plan Agora 2.

O responsable da xestión do grupo de facebook “Camiño Portugués. Tui”, o xornalista Cristóbal Ramírez, fixo un balance do mesmo, que conta con 5.547 membros, que suma novos membros cada día. Unha das carencias detectadas nas primeiras sesións desta mesa, a escasa incidencia de Tui nas redes sociais, ten sido corrixida ao longo deste dous anos coa creación deste grupo de facebook.

Os e as representantes do sector turístico comentaron as positivas perspectivas da afluencia de peregrinos e peregrinas, pero tamén diversos temas que afectan ao sector: a proliferación de vivendas de uso turístico de carácter ilegal que supoñen unha competencia desleal, os problemas de comunicación de Tui, tanto por vía férrea como por autobús, etc.

O representante dos colectivos de amigos do Camiño incidiu en dous puntos: a necesidade de crear un paso de peóns na zona de Ribadelouro e amosou a súa inquietude pola dilación nas obras da Ponte das Febres. Finalmente, o representante da Igrexa comprometeuse tamén o seu compromiso a potenciar a atención aos peregrinos.

Ao termo destes debates, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresou o seu agradecemento a todos e todas pola súa participación desta lexislatura que ten convertido a esta Mesa nun lugar de encontro entre todos os axentes implicados na xestión do Camiño Portugués en Tui. Este é o gran reto, sinalou o rexedor tudense, “e no que cómpre unha implicación de todo o sector que garanta o noso posicionamento no ámbito xacobeo e como destino turístico”.

Esta Mesa foi creada, hai xa case catro anos polo Concello de Tui para realizar un seguimento deste importante tema para o sector turístico e económico da cidade. Esta mesa está integrada por representantes dos diversos axentes implicados na xestión do Camiño de Santiago, tanto públicos como privados.