Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 80 persoas coñecen as instalacións e funcionamento da EDAR de Guillarei

28/03/2023

O Consorcio de Augas do Louro organizou unha xornada de portas abertas con Motivo do Día Mundial da Auga

O Consorcio de Augas do Louro organizou unha xornada de portas abertas dirixida á poboación dos catro concellos que integra: Tui, Salceda de Caselas, O Porriño e Mos.

Trátase dunha das actividades realizadas para conmemorar o Día Internacional da Auga á que asistiron un total de 82 persoas, 58 persoas adultas e 24 nenos e nenas. Foi o pasado sábado, 25 de marzo, cando en diferentes quendas, de mañá e de tarde, participaron na visita guiada polas instalacións da EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) de Guillarei, en Tui, a través da cal coñeceron o funcionamento da planta e todo o ciclo da auga.

“Esta iniciativa pretende resaltar a importancia da auga como recurso imprescindible para o benestar da sociedade, mostrando os procesos de depuración e o conxunto da xestión do ciclo urbano da auga. Ademais de sensibilizar sobre o problema da contaminación hídrica e concienciar sobre a capacidade persoal de axudar ao medio ambiente”, explica o presidente do Consorcio, Alejandro Lorenzo.

Programáronse tres visitas, dúas en horario de mañá -unha delas específica para menores de 12 anos-, e outra de tarde.

Esta xornada de portas abertas complementouse cos xogos lúdicos que se organizaron a pasada semana co alumnado de Educación Primaria dos centros escolares dos diferentes concellos, celebrando así a efeméride de 22 de marzo, o Día Mundial da Auga.