Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

“Invasión Asiática” de Pexegueiro gaña no desfile-concurso de Entroido en Tui

18/02/2015

 

Martes, 17 de febreiro de 2015. A comparsa "Invasión asiática" da Asociación Cultural O Mosteiro de Pexegueiro foi a gañadora esta tarde no desfile-concurso de Entroido en Tui. A recreación dunha colmea de vespas asiáticas levouse o primeiro premio na categoría absoluta, o primeiro en carrozas, amais do segundo en acompañamento musical.

 

Miles de persoas volveron ateigar as rúas novas da cidade, nunha soleada tarde, para presenciar o paso  do desfile concurso no que se deron cita un total de nove comparsas de Tui, Tomiño, Salceda e Vigo.

 

O segundo premio na categoría absoluta, no que se premia orixinalidade, vestiario, parodia, acompañamento musical e carroza, foi para "Cantos Somos, chourizos ó caldeiro" de Tui cunha crítica á corrupción política. Tamén recibiron o cuarto premio en carrozas e o primeiro en acompañamento musical.

 

Na categoría absoluta o terceiro premio foi para "Priscila, raíña do deserto" da Sociedade Cultural Atlántica de Matamá, o cuarto para Borralliño de Soutelo cunha recreación de "Missipi River", o quinto para "Lembranzas do medievo" da Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei, o sexto recaeu na Asociación Cultural e Recreativa Arume de Malvas por "Taça da Eurocidade", e o sétimo foi para Luces de Tomiño co "Carnaval máis internacional" cunha representación do Entroido do Brasil sen plumas.

 

Nas carrozas o sete premios establecidos foron para "Invasión asiática" da Asociación Cultural O Mosteiro de Pexegueiro, o segundo para Borraliño de Soutelo, o terceiro para "Priscila, raíña do deserto", o cuarto para "Cantos Somos, chourizos ó caldeiro", o quinto para Luces de Tomiño "O Carnaval máis internacional", o sexto para "Lembrazas do medievo" da Asociación Lembranzas e o sétimo para "Taça Eurocidade" de Arume de Malvas.

 

Por último en acompañamento musical "Cantos Somos, chourizos ó caldeiro" levou o primeiro premio, seguido de "Invasión asiática" de Pexegueiro, e de "Lembranzas do Medievo" da Asociación Cultural Lembranzas de Guillarei. 

 

O Entroido despedirase en Tui o próximo domingo co Enterro do Bacallau  que sairá ás 19.30h dende a Praza de San Fernando, percorrendo as rúas Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Paseo da Corredoira, con parada no Cantón de Diómedes, onde se dará lectura ao testamento, para proseguir pola Praza da Inmaculada, Augusto González Besada, enlace coa rúa Ourense e aparcamento municipal, onde se incinerará o bacallau. Todas as comparsas que esta tarde tomaron parte no desfile deberán acudir o domingo ao Enterro do Bacallau.

 

Debido á celebración do Enterro do Bacallau  o domingo non poderá estacionar a partir das 14h no aparcamento municipal.