Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui-Valença acolle hoxe a “Noite Europea sen accidentes”

20/10/2014

Distintas actividades son as que terán lugar esta noite na Eurocidade Tui-Valença no marco da iniciativa "Noite Europea sen accidentes".  Está promovida pola Federación Española de Bebidas Espirituosas (FEBE) en España e a Associaçao Nacional de Empresas de Bebidas Espirituosas (ANEBE) en Portugal co obxectivo de promover o ocio seguro e condutas responsables ao volante, contando neste caso coa colaboración do Concello de Tui e da Cámara Municipal de Valença, entre outros.

 

Dende promover o condutor alternativo a xogos, ou controis de alcoholemia voluntarios serán postos en marcha esta noite tanto en Tui coma en Valença. Tratarase de conciencia que a una única taxa de alcol permitida ao volante é 0,0.

 

Esta actividades foron presentadas este mediodía na Cámara Municipal de Valença nun acto encabezado polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, xunto ao e o director da Federación Española de Bebidas Espirituosas, Bosco Torremocha e o director da Associaçao de Bebidas Espirituosas (ANEBE), Mario Moniz Barreto. Compareceron asemade o vicepresidente da Comisión de Seguridade Vial do Congreso dos Deputados,  Telmo Martín;  o secretario Portugués de Interior,  João Pinho de Almeida; a coordinadora da DXT Galicia, Victoria Gómez Dobarro; o tenente coronel xefe da Garda Civil de Tráfico de Galicia, Javier Molano ; o presidente da Autoridade Nacional de Segurança Rodoviaria de Portugal, Jorge Manuel Quintelo Brito Jacob, e o director Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro.

 

Nas distintas intervencións expúxose a importante redución rexistrada no número de mortes en estrada tanto en España coma en Portugal ao longo dos últimos anos que pasou de 4.700 falecidos en 2004 a 1.128 en 2013. Nese senso deuse a coñecer que o número de falecementos en accidentes en estrada - segundo datos da UE - baixou nun 31% nos últimos case o dobre da media europea. Fíxose amais fincapé na relevancia de concienciar aos máis novos sobre a importancia de ter un comportamento seguro na condución, a eles irán dirixidas boa parte das accións que se porán en marcha esta noite.  Dende a Garda Civil e dende a Garda Nacional Repúblicana, así coma dende a Dirección Xeral de Tráfico, deixaron constancia do seu apoio a esta iniciativa desexando que sexa un éxito.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, agradeceu o traballo de cooperación que realizan a diario as forzas de seguridade en Tui e Valença, sinalando que parte dese traballo redunda tamén na seguridade vial. Amosou amais a satisfacción de que a Eurocidade poida acoller hoxe esta "Noite Europea sen accidentes". No mesmo senso pronunciouse o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, quen explicou que cada día circulan máis de 20 mil vehículos na fronteira entre Tui e Valença. Ao tempo que destacaba que a Eurocidade é un exemplo de cooperación en Europa.