Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

200 vivendas de Tui poderán conectar á rede de saneamento coas obras executadas en 13 puntos do termo municipal cun investimento de 631 mil euros

2/10/2014

 

Martes, 30 de setembro de 2014. O Concello de Tui recibirá este xoves, 2 de outubro, as obras de conexión de 13 novos puntos  coa estación depuradora de augas residuais de Guillarei que foron executados por Augas de Galicia cun investimento de 631 mil euros.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto ao director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís visitaron hoxe as obras na zona de Baños en Caldelas, onde se acometeron a meirande parte dos colectores. Amais deste punto tamén se executaron conexións en Baldráns, Paramos, Randufe, Rebordáns e o centro urbano de Tui que posibilitarán que 200 vivendas se poidan conectar á rede de saneamento así coma o propio Balneario de Caldelas.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, explicou que a inmediata posta en servizos destes colectores supón un paso máis na política medioambiental do Concello de Tui, sinalando que o investimento realizado, máis de 600 mil euros, é moi importante. Explicou que máis aló da conexión de 200 vivendas e do Balneario a posta en marcha destas conexión permitirá recuperar as boas condicións das augas do río Miño eliminando así o vertidos que se puideran estar producindo.

 

Por outra parte Moisés Rodríguez salientaba que Tui é un dos concello que máis cartos leva investido en saneamento, eliminando deste xeito vertidos que preocupaban a todos os tudenses. O mandatario municipal explicou que a seguinte prioridade nesta área será a execución da obra da estación de bombeo de Areas que dará servicio a Malvas, Pexegueiro, Randufe Areas e o Parque Empresarial de Areas.