Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentación do libro “Las costuras del guión: textos de cine y vida” de Daniel Domínguez

Data: 
12/04/2024
Lugar: 
Sala de Exposicións Municipal

Este venres, 12 de abril, ás 20 h na Sala Municipal de Exposicións, no edificio Francisco Sánchez, terá lugar a presentación do libro “Las costuras del guión: textos de cine y vida” unha recompilación de escritos do cineasta tudense Daniel Domínguez.

No acto participarán Pepe Coira, acreditado produtor e guionista, e editor desta obra, así como o cineasta Carlos Amil. Ambos amigos de Daniel Domínguez e compañeiros na Escola de Imaxe e Son de A Coruña. Tamén participará o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.

No limiar a esta obra Pepe Coira escribe que “Las costuras del guión” reúne unha antoloxía de textos tomados do blog de Daniel Domínguez “La escuela de los domingos” entre 2009 e 2020 que nos ofrece “una mirada singular de un contador de historias”.

Daniel Domínguez Pérez (Tui, 1955 – Teira, 2020) foi guionista cunha longa traxectoria.  Foi un dos autores de series de televisión como “Mareas Vivas”,  “As leis de Celavella”, “Pai Casares”, “Terra de Miranda”,  “Miña sogra máis eu”, etc e de películas como “Blanca Madison” ou “Os fillos do sol”. No ano 2002 recibiu o premio Mestre Mateo ao mellor guión por “Terra de Miranda”. Dirixiu as curtametraxes de ficción “O Segredo” e “Río de Sombras”, rodadas en Tui.

Foi un dos fundadores da Escola de Imaxe e Son de A Coruña e a súa erudición cinéfila quedou patente nas súas numerosas colaboracións como crítico de cine, pero sobre todo no seu excelente blog “La escuela de los domingos”. Pioneiro do cinema e do audiovisual galego foi unha das figuras clave deste sector nas últimas décadas.

Daniel Domínguez foi tamén concelleiro do Concello de Tui na primeira corporación municipal democrática.