Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Festas de San Telmo

Data: 
31/03/2018
Lugar: 
Tui

Declaradas de Interese Turístico Galego

Tui celebra do sábado, 31 de marzo, ao luns, 9 de abril, as súas festas patronais na honra a San Telmo. Festexos declarados de Interese turístico galego. O pregoeiro das festas é o mestre Antón Corral.

Consultar Programación das Festas de San Telmo

ACTIVIDADES INFANTÍS

Do luns 2 ao venres 6 os nenos e nenas terán actividades específicas para eles, coas que se busca ofrecerlles unha alternativa de lecer durante as vacacións e escolares e contribuír á conciliación familiar. Así polas mañá de 11 a 13h na Área Panorámica haberá actividades infantís da man de Chirlomirlo, e pola tarde na Sala Félix Rodríguez ás 16h proxectarase unha película de cinema. En ambos casos non é preciso inscribirse previamente, son actividades con entrada libre até completar a capacidade do local.

X SEMANA DE TEATRO AFECCIONADO E MÚSICA CORAL

A Semana de Teatro Afeccionado celebrará a súa décima edición do luns 2 ao sábado 7 no Teatro Municipal de Tui onde os grupos Mesturanzas de Areas, Santiago de Malvas, Aloia de Pazos de Reis, San Fins de Rebordáns, e Atalaia do Centro Sociomomunitario de Tui presentarán as súas últimas montaxes, en moitos casos en estrea. Amais as tres corais de Tui do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo actuarán no centro Amoralia e nas Residencias San Telmo e Paz y Bien.

O DEPORTE TAMÉN SERÁ PROTAGONISTA NAS FESTAS

O mércores 4 será o día do deporte  con actividades de bádminton, judo, tenis de mesa e xadrez no Paseo da Corredoira de 11 a 14h, e con tenis de mesa ás 16 e patinaxe ás 18h amais de estar prevista unha exhibición de kaiak polo e de slalom na piscina municipal dende ás 16h e a partir das 20.30h haberá partidos exhibición de pádel nas pistas do Liceo Casino.

Amais coma novidade no ámbito deportivo a Carreira Popular de San Telmo celebrarase este ano o sábado 7 dende ás 11h no Paseo da Corredoira baixo a organización do Club Atletismo Tui, previamente ás 10h sairá tamén da Corredoira a Andaina Festas de San Telmo organizada polo club AndaTui. Incorpórase no programa a Epic Race de BTT que percorrerá o paseo fluvial dende ás 7 da madrugada do sábado ás 9 da mañá do domingo.  A Copa San Telmo na que se enfrontará o Tyde F.C. e o S.C. Valenciano, e a III Clásica Manuel Alfaro de coches clásico son outras das actividades previstas para o sábado.

BROKEN PEACH, LA EDAD DEL ORO DEL POP ESPAÑOL, KUBO E PANORAMA

Son dous os concertos previstos este ano nas festas. Por unha banda o venres 6 ás 23.30h actuará no Paseo da Corredoira o grupo Broken Peach, unha banda de soul e rock formada en 2009 que presenta uns directos cunha coidada estética e un amplo repertorio. Previamente actuará dj Gramola.

O domingo 8 ás 22.30h chegará á rúa Compostela o concerto “La Edad del Oro del Pop Español” no que o público poderá disfrutar cos grandes clásicos do pop nacional da man de Joaquín Padilla (vocalista Grupo Iguana Tango),  Pablo Perea ( vocalista doGrupo La Trampa), Roberto Gil (vocalista Grupo Tennesse) e Chus Herranz ( actriz- compositora, voz do Espectáculo “Hoy no me puedo levantar" de Nacho Cano).

A orquestra Kubo presentará en Tui o maior escenario de Europa de máis de 27 metros nunha actuación prevista na noite do sábado 7 na rúa Compostela. Neste mesmo lugar actuará o luns 9 a orquestra Panorama. O cartel das verbenas o completan Miramar, Solara, e Pontevedra. No eido musical se celebrará tamén o festival de Karaoke o venres 6 dende as 19h no Paseo da Corredoira.

FOOD TRUCKS E FESTA DO MEIXÓN NA OFERTA GASTRONÓMICA

Durante 17 días - do 24 de marzo ao 9 de abril - celébrase a Festa do Meixón en cinco restaurantes, Asador Paulo, O Novo Cabalo Furado, Cruceiro do Monte, El Molino e La de Manu. A ración de meixón, acompañada de pan e viño Remesal, ten un prezo de 55€. É preciso reserva previa.

O venres 6 está previsto un mercado de Food Truck no Paseo da Corredoira no que o público que se achegue poderá degustar distintas variedades gastronómicas.

O LUNS 9 – DÍA DE SAN TELMO

As festas na honra a San Telmo pecharanse o luns 9 de abril, xornada na que dende primeira hora se celebrará a Feira Cabalar en San Bartolomeu, onde amais da compra venda de gando tamén haberá distintas exhibicións previstas.  

A charanga Cantos Somos e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín, serán as encargadas  da música na última xornada de festa, onde tamén estará presente a Banda de Guerra da Brilat. Os actos relixiosos comezarán xa pola mañá coa misa na honra a San Telmo e a procesión pola Coronilla, e pecharanse ás 21h coa solemne procesión que percorrerá as principais rúas da cidade. A tirada de fogos de artificio marcará o peche das festas.