Buscador Concello de Tui Usuario: Contrasinal: Rexistrarme
   
Concello de Tui
Ligazóns de interese
O Concello
Turismo
Outros
Documentos

Saúdo do Alcalde
O Alcalde

A cidade de Tui foi, dende os inicios da súa historia, un lugar estratéxico de comunicacións; por Tui discorría a vía XIX construída en tempos do romanos para comunicar Braga e Astorga, por esta mesma ruta séculos despois realizaban a súa viaxe, e aínda hoxe continúan, os peregrinos que se achegan ata Santiago de Compostela ao encontro do apóstolo Santiago. O noso porto fluvial foi ao longo dos tempos medievais lugar de comercio e dende alí os navegantes espallaron por todo o mundo a devoción ao noso patrón, San Telmo.

Hoxe as vías de comunicación xa non discorren unicamente polos camiños tradicionais, novos vieiros, ao abeiro das novas tecnoloxías da información e a comunicación, xorden como canles alternativas. Especialmente a internet resulta na actualidade requirimento imprescindible para unha comunicación axeitada, tanto para a difusión dos recursos culturais, turísticos e de todo tipo que posúe o noso municipio, como para facilitarlle aos nosos cidadáns unha relación o máis fluída posible e unha comunicación eficaz sobre a actividade municipal.

Nesta páxina web do Concello de Tui á que como Alcalde de Tui dóullela benvida agardamos que os cidadáns tudenses atopen unha eficaz ferramenta na súa relación co Concello e unha axeitada canle de participación e acceso aos servizos municipais. Estou certo que deste xeito contribuímos á democratización e ao fomento da participación cidadá na vida municipal.

Pero esta páxina é tamén un instrumento útil para cantos queiran achegarse ao coñecemento desta cidade bimilenaria, dos seus recursos, da súa oferta turística, das súa actividade… Esta páxina pretende ser un espazo de información que ofreza aos nosos visitantes un convite para achegarse a coñecer e disfrutar da nosa cidade e da súa tradicional hospitalidade.

Para todos a nosa benvida. Tanto para os tudenses, pois a través desta páxina agardamos recoller as súas iniciativas e propostas así como lles trasladar o noso traballo polo progreso de Tui, como para todos os internautas confiando que a visita a este espazo virtual os anime a realizar axiña unha estadía na nosa cidade.

Moisés Rodríguez Pérez
Alcalde-Presidente do Excmo. Concello de Tui

  Concello de Tui (Praza do Concello, 1) 36700 TUI - Tfno.: 986.603625