Buscador Concello de Tui Usuario: Contrasinal: Rexistrarme
   

Concello de Tui
Departamentos
Outros

Cinema, música xunto a Festa do Miño e Arraianos conforman a oferta estival en Tui
Data: 14-07-2017- 16:06 h.
1468 veces
NOVA

Dez espectáculos, con dúas estreas en Tui, intégrana programación de Outono/Inverno

 

Cinema e música protagonizan a oferta cultural para os meses de xullo e agosto en Tui xunto á VII Festa do Miño e o II Festival Arraianos. Trátase dunha programación dirixida a todos os públicos pensada para disfrutar na rúa.  Con estas propostas ábrese a Axenda Corredoira Cultural do segundo semestre do ano que recolle a programación prevista ata o mes de decembro. A presentación da mesma tivo lugar esta mañá na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, María José Gonzaléz, xunto a Adolfo Besada e Alejandro Otero, das bandas de música de Tui e Xinzo, Alfonso González, da Noite Internacional do Miño e Javier Argüelles de Arraianos.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, afirmou na súa intervención que a Axenda Corredoira Cultural é única en concellos do mesmo tamaño que Tui, recollendo non só eventos de ámbito local senón tamén internacional. Unha axenda que dicía pon de relevo o importante movemento asociativo e cultura que hai no municipio, e que serve de transmisión do patrimonio arquitectónico, histórico e cultural do que goza a cidade.

A concelleira de Cultura, María José González, explicou que a programación estival conta cun orzamento de 45 mil euros de fondos propios. Investimento dirixido a presentar unha oferta diversa para todos os públicos. Por outra parte lembrou que este ano o Festival Música no Claustro – cita consolidada no verán tudense – non se celebrará debido as obras que se están a realizar no templo catedralicio.

O cinema na rúa abre o abano de actividades ofertadas. Será o próximo xoves, 20 de xullo, ás 22.30h coa proxección de “Canta!” na Praza de San Fernando. Esta é a primeira das películas de animación programadas á que se sumarán no mes de agosto “Los Pitufos. La aldea escondida”, “Mascotas” e “Trolls”.

A música chegará do 21 ao 25 de xullo co V IKFEM, o Festival Internacional de Instrumentos de Tecla da Eurocidade que comezará cun concerto único na vella Ponte Internacional o próximo venres a cargo de Best Boy, Abe Rábade e Javier Otero e dez pianos simultáneos. Tamén ten previstos outros eventos musicais en lugares emblemáticos coma a Fortaleza de Valença, na Catedral de Tui e na igrexa de San Domingos, amais das masterclases de instrumentos de tecla que se celebrarán ao longo de cinco días.

O martes, 25 de xullo, o Parque do Laxal en Rebordáns acollerá unha cita internacional co folclore plenamente consolidada coma é a XVIII Noite Internacional do Miño organizada pola Escola de Baile e Música San Fins. Alfonso González membro da organización explicou que este ano estarán representados Kenia, Letonia, México, e Xeorxia. Un festival no que levan traballando todo o ano co apoio de toda a parroquia.

O son das bandas de música populares encherá a Praza de San Fernando o sábado, 5 de agosto, coa vixésimo sexta edición do Festival de Bandas de Música no que a Banda de Música Xuvenil de Xinzo será a agrupación convidada e a Banda de Música Popular de Tui a anfritrioa. Adolfo Besada, director da Banda de Música Popular de Tui destacou que este é un dos festivais destas características máis antigos de Galicia que ten amais a particulariedade de celebrarse nun lugar emblemático xunto á Catedral. Mentres o xefe de estudos da Escola de Música de Xinzo, Alejandro Otero, destacou que no seu concerto ofrecerá un repertorio divertido para o disfrute do público.

Unha ampla xornada festiva na que deporte, gastronomía e lecer van da man é a prevista para o sábado, 19 de agosto, coa VII Festa do Miño. A Romaría Popular en Caldelas, o Descenso Popular e o Descenso Internacional xunto á Festa Gastronómica e o concerto de Mitic centran a oferta dun evento no que o Concello de Tui traballa para que sexa declarado Festa de Interese Turístico Galego.

A programación estival pecharase na segunda fin de semana de setembro coa segunda edición do Festival Internacional da Memoria Arraina “Arraianos”. Tras unha excelente acollida por parte do público o ano pasado regresa a viaxe á época medieval con ambientación nas rúas e prazas, mercado medieval, proposta gastronómicas, Survival Zombi... Javier Argüelles, membro da organización avanzou coma novidades a celebración de xustas medievais e dunha ruta do pinchos.

Por outra parte entre o 6 de outubro e o 22 de decembro o Teatro Municipal de Tui acollerá os dez espectáculos previstos na programación de Outono/Inverno. Haberá dúas estreas de espectáculos en Tui da man de Trompicallo e Artesacía. Dos dez espectáculos a metade van dirixidos a público infantil e a outra metade a público adulto con compañías coma Trompicallo, Ilmaquinario, ArtesaCía, María Fumaça, A Panadaría, Pistacastro, Caramuxo, Redrum e Contraproducción. O peche do ano será musical co concerto de Nadal que ofrecerá a Orquestra Sinfónica de Tui.

Toda esta programación ven recollida nun novo número de Axenda Corredoira Cultural, da que se editan 15 mil exemplares que son distribuídos en Tui e Valença.

Ver Axenda Corredoira Cultura

  Concello de Tui (Praza do Concello, 1) 36700 TUI - Tfno.: 986.603625