Buscador Concello de Tui Usuario: Contrasinal: Rexistrarme
   

Concello de Tui
Departamentos
Outros

O IKFEM tende unha ponte musical na Eurocidade Tui-Valença do 21 ao 25 de xullo
Data: 11-07-2017- 17:13 h.
1083 veces
NOVA

A inauguración terá coma escenario a vella ponte internacional con tres horas de música en directo con Best Boy, Abe Rábade e Javier Otero e dez pianos simultáneos.

Do 21 ao 25 de xullo a Eurocidade Tui-Valença acollerá a quinta edición do IKFEM, o Festival Internacional de Instrumentos de Tecla que ofrecerá masterclases e concertos en lugares tan emblemáticos coma a vella ponte internacional, a Catedral de Tui ou a fortaleza de Valença.

Este evento foi presentado esta mañá no Parador de Turismo San Telmo de Tui pola súa directora, Andrea González, acompañada polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, o deputado de Cultura, Xosé Leal, e o director da GNP AECT, Xosé Lago. Tamén estiveron presentes a concelleira de Cultura e o concelleiro da Eurocidade, María José González e Miguel Capón, respectivamente, así coma o vereador de Cultura de Valença, José Monte, entre outros.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientou que o IKFEM é un evento xa consolidado que ocupa un sitio privilexiado na Axenda da Eurocidade. Apuntou amais que se trata dun evento singular e especial pola súa temática, pola súa calidade musical e dos profesionais que interveñen no mesmo, así coma polo seu carácter transfronteirizo que lle da un plus. Pero tamén sinalou que este festival pon de relevo a riqueza cultural que hai entre dous pobos.

O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, salientou os días de convivencia entre tudenses e valencianos, galegos e portugueses e visitantes que brinda o festival. Ao tempo que se referiu a que ano tras ano o IKFEM innova con novos músicos, instrumentos... e tamén con novos eventos. O deputado de Cultura, Xosé Leal, puxo en destaque coma eventos coma este festival fomentan unha cooperación real transfronteiriza e a cultura que nos une . Mentres Xosé Lago director da GNP- AECT, indicou que este festival é unha manifestación máis de que a cultura non separa pobo senón que os une.

Andrea González, directora do festival, foi a encargada de dar a coñecer os pormenores desta edición de 2017, especial por cumprirse o quinto aniversario deste festival que ten nos instrumentos de tecla o seu fío condutor. Precisamente unha das novidades é o feito de sacar o festival á rúa citando coma exemplo que serán os tres días do festival.

A xornada inaugural será o venres 21 de xullo cunha posta en escena única con tres horas de música en directo na vella Ponte Internacional de Tui-Valença, que esa xornada será cortada ao tráfico.  Tras o acto inaugural previsto para ás 20.30h será a quenda do grupo tudense Best Boy, a quen seguirá Abe Rábade e Javier Otero, e un concerto simultáneo de 10 pianos na vella Ponte Internacional. Mentres o sábado 22 e o domingo 23 serán dúas xornadas de música na Praça da República na Fortaleza de Valença con concertos a cargo de alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Tui e da Academia da Fortaleza de Valença, amais de Miguel Campinho, Emilio Villalba e Sara Marina, Graciela Rodríguez e Daniel Pereira, amais dos propios alumnos do IKFEM,

A Catedral de Tui acollerá o concerto de Joao Vaz o domingo 23, e a Igrexa de San Domingos a Ignacio Prego o luns 24. O peche do festival, o martes 25, correrá a cargo de Carlos César Rodríguez. Todos os eventos teñen entrada libre até completar o aforamento.

Toda a información está accesible en www.ikfem.com.


PROGRAMACIÓN V IKFEM – Do 21 ao 25 de xullo

Venres 21 de xullo
Na vella Ponte Internacional Tui-Valença

-         Ás 20.30 h Inauguración

-         Ás 21.00 h Best Boy - Pop-indie-folk

-         Ás 22:00 h Abe Rábade & Javier Otero – Dúas visions a dous pianos

-         Ás 22.45 h  10 Pianos simultáneos

 

Sábado, 22 de xullo 

Na Praça da República (Fortaleza) – Valença

-         Ás 12:00 h Teclistas  da Eurociudade. Alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Tui e da Academia da Música de Valença

-         Ás 13.00 h Miguel Campinho - Viana da Mota e Óscar da Silva: luces e sombras do piano portugués no S. XX

-         Ás 17:00 h Emilio Villalba & Sara Marina - Concerto en familia: Amadís e o tesouro da música

-         Ás 18:15h Talentos IKFEM - Piano, lírico e jazz

-         Ás 23:00h Graciela Rodríguez & Daniel Pereira - Canción para sempre

Domingo, 23 de xullo

Na Praça da República (Fortaleza) – Valença

-         Ás 12:00 h Teclistas  da Eurociudade. Alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Tui e da Academia da Música de Valença

-         Ás 13:00h Emilio Villalba & Sara Marina - Máchina Antiqua: música, arte e inventos medievais

-         Ás 17:00 h Emilio Villalba & Sara Marina - Concerto en familia: Amadís e o tesouro da música

-         Ás 18:15h Talentos IKFEM - Piano, lírico e jazz

Na Catedral de Tui

-         Ás 22:00 h JOÃO VAZ - Tres séculos de música portuguesa para órgano

Luns, 24 de xullo

Na Igrexa de San Domingos, Tui

-         Ás 22:00 h Ignacio Prego – Noite barroca con Tiento Nuovo

Martes, 25 de xullo

Na Igrexa de San Domingos, Tui

-         Ás 22:00 h Carlos César Rodríguez - Recital Ibero-americano

  Concello de Tui (Praza do Concello, 1) 36700 TUI - Tfno.: 986.603625