Buscador Concello de Tui Usuario: Contrasinal: Rexistrarme
   

Concello de Tui
Departamentos
Outros

Este mércores comeza Play-Doc cunha trintena de proxección e actividades paralelas
Data: 20-03-2017- 18:01 h.
1292 veces
NOVA

O alcalde de Tui salientou que Play-Doc é unha marcha que nos internacionaliza

Este mércores, 22 de marzo, ás 20.30h, no Teatro Municipal de Tui será inaugurada de xeito oficial a décimo terceira edición de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui. Un festival de referencia a nivel galego, nacional e internacional que foi presentado esta mañá na sala de prensa da Área Panorámica polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o deputado de Cultura, Xosé Leal, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, e os directores do festival Sara García e Ángel Sánchez.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, manifestou que Play-Doc é un dos eventos destacados que se realizan dentro da ampla e variada programación cultural da cidade. Estamos a falar, dicía o mandatario tudense, dun “festival que converte a Tui durante uns días na capital do audiovisual galego, o que para nós é todo un orgullo”. Enrique Cabaleiro explicaba amais que Play-Doc é “unha marca que nos internacionalizada” o que significa moito pola repercusión que ten a nivel nacional e internacional.

Jacobo Sutil, director da AGADIC, na súa intervención aludiu á completa programación que ofrece Play-Doc dende as proxeccións, ás actividades paralelas coma os concertos ou a película colaborativa, referíndose tamén aos doce documentais galegos que se van proxectar e a presenza das obras de Dominic Gagnon – a quen Play-Doc dedica a súa restrospectiva este ano – na programación do CGAI. Ao tempo indicaba que este é un dos festivais que apoia a Xunta de Galicia. Mentres o deputado de Cultura, Xosé Leal, resaltou que Play-Doc é un referente no eido audiovisual pola súa especificidade, destacando o seu espírito crítico, cun cinema comprometido.

Sara García, directora de Play-Doc xunto a Ángel Sánchez, manifestou que están especialmente orgullosos desta edición de 2017 porque contan con colaboración externas que teñen enriquecido o festival. Ofrecerán unha trintena de sesións cunha programación que cualificou de “diversa e coherente”  que conforma un festival a “escala humana” con moita enerxía, vitalidade e moi libre. Salientou amais o feito de realizar a primeira retrospectiva en España de Dominic Gagnon, xunto as estreas mundiais que realizarán, presentacións de óperas primas e mesmo proxeccións de películas inéditas.  Mentres Ángel Sánchez sinalaba que falamos “dunha programación incrible, propia dun gran festival, pero cunhas dimensións reducidas”. Ao tempo salientaba que queren “chamar a atención ao mundo enteiro de que aquí en Galicia hai unha sede para este tipo de cinema, para un proxecto cultural alternativo, e que o fai con éxito, rigor e coa ambición de lograr un espazo importante en Galicia para un xénero que ten en Galicia unha capacidade e unha vitalidade enorme” concluíndo que “todo isto non sería posible sen un esforzo colectivo”.

Play-Doc comezará este mércores, 22 de marzo, ás 20.30h coa sesión inaugural na que se vai proxectar “On the Bowery”  de Lionel Rogosin realizada en 1956, contando en Tui coa presenza do fillo do realizador. Amais haberá un espectáculo de danza “Commutatio” a cargo de Javier Martín, protagonista do documental galego “Quiasma” que se proxectará durante o festival. A partir de aí nas dúas salas do festival, na Área Panorámica, poderemos disfrutar das distintas proxeccións, ás que se suman os concertos previstos para venres e sábado, así coma das catro actividades formativas que este ano se levan a cabo.

A programación completa pódese consultar en www.play-doc.com

  Concello de Tui (Praza do Concello, 1) 36700 TUI - Tfno.: 986.603625