Notice: Undefined variable: lblNoticiaLeida in /var/www/vhost/concellotui.org/home/html/include/funcionesNoticias2.php on line 183
Concello de Tui
Buscador Concello de Tui Usuario: Contrasinal: Rexistrarme
   

Concello de Tui
Departamentos
Outros

Tui acollerá en xullo unhas xornadas polo emprego segundo se avanzou hoxe no encontro de cooperativismo
Data: 27-05-2014- 15:07 h.
920 veces
NOVA

 

Martes, 27 de maio  de 2014. Dar a coñecer as potencialidades do cooperativismo como ferramenta para a creación de emprego na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal foi o obxectivo do encontro celebrado esta mañá na Aula da UNED de Tui, no que participaron máis de 80 persoas.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e o presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Méndes, foron os responsables da inauguración xunto ao director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller, o director Xeral de Traballo e Economía Social da Xunta de Galicia, Odilo Martiñá Rodríguez, e o representante da Comisión de Coordinación Galicia Norte de Portugal, Nuno Almeida.

 

Moisés Rodríguez, alcalde de Tui, destacou na súa intervención a situación estratéxica que teñen Tui e Valença no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Galicia. Nese senso apuntou coma un dos obxectivos da Eurocidade é precisamente a promoción do emprendemento, aludindo a iniciativas concretas coma a creación dun viveiro de empresas en Tui na antiga Escola de Chans, e a creación da plataforma loxística en Valença.  Mentres o presidente da Cámara de Valença, Jorge Mendes, explicou que a Eurocidade é un gran exemplo de cooperación internacional. Engadía que o evento de hoxe é un premio a todo o traballo desenvolvido en prol do movemento cooperativo e da economía social.

 

Nuno Almeida sinalou que “a creación e promoción de redes de cooperativas constitúe un factor potenciador para a creación de emprego”.  Odilo Martiñá, director Xeral de Traballo e Economía Social da Xunta de Galicia, apuntou que “o cooperativismo é un modelo empresarial resistente á crise e quen de xerar emprego”. Expuxo nese senso que dende 2009 se crearon en Galicia 298 cooperativas, das que 63 o fixeron en 2013 e 43 no que vai deste ano.  Remataba a súa intervención destacando que “a economía social pode ser un instrumento eficaz na creación de emprego e de riqueza”.

 

Por último o director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, explicou que na Comunidade de Traballo Galicia - Norte de Portugal teñen marcadas dúas grandes áreas de traballo para esta temporada a Eurorrexión do coñecemento e a Eurorrexión de proximidade. Nese senso salientaba que no acto desta mañá confluían estes dous grandes vectores. Aproveitou amais Jesús Gamallo a súa presenza en Tui para anunciar a celebración na cidade o próximo mes de xullo dunha feira do traballo. Trátase en concreto das ‘Xornadas polo emprego: Job Days da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal’, que a oficina de cooperación da Eurorrexión, a AECT, vai celebrar centradas no sector do metal, que contarán coa colaboración do EURES Transfronteirizo, das Asociacións metalúrxicas de Galicia (ASIME) e de Portugal (AIMMAP), e da Eurocidade Tui-Valença.

 

 

  Concello de Tui (Praza do Concello, 1) 36700 TUI - Tfno.: 986.603625