Buscador Concello de Tui Usuario: Contrasinal: Rexistrarme
   
Concello de Tui
Ligazóns de interese
O Concello
Turismo
Outros
Documentos

ASISTENCIA SANITARIA

Neste ámbito introducíronse importantes modificacións a través do Real Decreto lei 16/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións.
  • 1. OBXECTO

A asistencia sanitaria da Seguridade Social ten por obxecto a prestación dos servizos médicos e farmacéuticos necesarios para conservar e restablecer a saúde dos seus beneficiarios, así como a súa aptitude para o traballo.

  • 2. PERSOAS ASEGURADAS / BENEFICIARIAS

A asistencia sanitaria en España, con cargo a fondos públicos, a través do Sistema Nacional de Saúde, garantirase a aquelas persoas que posúan a condición de aseguradas.

A estes efectos, terán a condición de aseguradas aquelas persoas que se atopen nalgún dos seguintes supostos:
  • Ser persoa traballadora por conta allea ou por conta propia, afiliada á Seguridade Social e en situación de alta ou asimilada á de alta.
  • Posuír a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social.
  • Percibir calquera outra prestación periódica da Seguridade Social, incluída a prestación ou subsidio por desemprego.
  • Ter esgotada a prestación ou o subsidio por desemprego e figurar inscrito/a na oficina correspondente como demandante de emprego, sen poder acreditar a condición de asegurado/a por calquera outro título.

En aqueles casos en que non se cumpra ningún dos supostos anteriormente establecidos, as persoas de nacionalidade española ou de algún Estado membro da Unión Europea, do espazo económico europeo ou de Suíza que residan en España, e os estranxeiros/as titulares dunha autorización para residir en territorio español, poderán posuír a condición de asegurado/a sempre que acrediten que non superan o límite de ingresos determinado regulamentariamente.

A efectos do establecido no presente apartado, terán a condición de persoas beneficiarias dun asegurado/a, sempre que residan en España:
  • o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, que deberá acreditar a inscrición oficial correspondente
  • o/a ex cónxuxe a cargo do asegurado/a, con dereito a pensión compensatoria
  • os/as descendentes e persoas asimiladas a cargo do asegurado/a que sexan menores de 26 anos ou que teñan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 65% e acollidos de feito


Todas estas persoas deben reunir os seguintes requisitos:
  • Convivir co/a titular (salvo persoas separadas ou divorciadas)
  • Estar ao seu cargo (salvo cónxuxe ou parella de feito)
  • Non percibir rendas superiores ao dobre do IPREM
  • Non ter dereito, por título distinto, a recibir asistencia sanitaria da Seguridade Social en calquera dos seus réximes, cunha extensión e contido análogo ao establecido no Réxime Xeral.
  • ? Residencia efectiva e legal en España.

Aquelas persoas que non teñan a condición de aseguradas ou de beneficiarias do asegurado/a poderán obter a prestación de asistencia sanitaria mediante o pago da correspondente contraprestación ou cota derivada da subscrición dun convenio especial.

O disposto nos apartados anteriores deste artigo non modifica o réxime de asistencia sanitaria das persoas titulares ou beneficiarias dos réximes especiais da Seguridade Social xestionados pola Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado, a Mutualidade Xeral Xudicial e o Instituto Social das Forzas Armadas, que manterán o seu réxime xurídico específico.

A este respecto, as persoas encadradas nas devanditas mutualidades que optaran por recibir asistencia sanitaria a través das entidades de seguro deberán ser atendidas nos centros sanitarios concertados por estas entidades. En caso de recibir asistencia en centros sanitarios públicos, o gasto correspondente á asistencia prestada será reclamado ao terceiro obrigado de acordo coa normativa vixente.


  • 3. DEREITO Á ASISTENCIA SANITARIA DAS PERSOAS ESTRANXEIRAS

Entre as modificacións introducidas polo Real decreto lei 16/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións, está a adición dun novo artigo 3 ter á Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, polo que se establece:

As persoas estranxeiras non rexistradas nin autorizadas como residentes en España, recibirán asistencia sanitaria nas seguintes modalidades:
  • a) De urxencia por enfermidade grave ou accidente, calquera que sexa a súa causa, ata a situación de alta médica.
  • b) De asistencia ao embarazo, parto e post-parto.

En todo caso, as persoas estranxeiras menores de dezaoito anos recibirán asistencia sanitaria nas mesmas condicións que as españolas.

O artigo 12 da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, de dereitos e liberdades dos estranxeiros/as en España e a súa integración social, modifícase tamén por este Real decreto lei, e recolle o dereito á asistencia sanitaria nos seguintes termos:

“As persoas estranxeiras teñen dereito á asistencia sanitaria nos termos previstos na lexislación vixente en materia sanitaria”

Suprímeselle, polo tanto, o dereito á asistencia sanitaria nas mesmas condicións cós españois aos estranxeiros/as que se atopen en España polo feito de estar inscritos no Padrón do municipio no que teñan o seu domicilio habitual.

  • 4. RÉXIME TRANSITORIO DE ACCESO Á SISTENCIA SANITARIA EN ESPAÑA

As persoas que, con anterioridade á entrada en vigor deste Real decreto lei, tiveran acceso á asistencia sanitaria en España e non teñan a condición de asegurado/a con base nalgún dos supostos do apartado 2 do artigo 3 da Lei 16/2003, do 28 de maio, ou en aplicación de regulamentos comunitarios ou convenios bilaterais, así coma as persoas beneficiarias dunhas e outras, seguirán accedendo á asistencia sanitaria ata o 31 de agosto de 2012 sen necesidade de acreditar a condición de asegurado/o ou de beneficiario/a nos termos previstos no artigo 3 da Lei 16/2003 do 28 de maio.

  • 5. TRAMITACIÓN

A persoa asegurada, ao tempo de solicitar a afiliación e alta ou a solicitude de pensión ou outra prestación periódica da Seguridade Social, pode formalizar o documento de recoñecemento de asistencia sanitaria para os seus beneficiarios/as nas correspondentes oficinas da Seguridade Social.


En Tui:
R/ Párroco Rodríguez Vázquez, 3
36700 Tui
Teléfono: 986603027

O Instituto Nacional da Seguridade Social ten a competencia para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria.

  • 6. A TARXETA SANITARIA

A tarxeta sanitaria é unha tarxeta emitida en soporte dixital que dá acceso á asistencia sanitaria e que permite acceder aos datos sanitarios do beneficiario/a en calquera parte do territorio español.

Co documento de recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria pode solicitar a tarxeta sanitaria no centro de saúde que lle corresponda.


En Tui o Centro de Saúde atópase en:
Praza de Galicia s/n
36700 Tui
Teléfono: 986601936

O centro de saúde tramitará a emisión da tarxeta sanitaria individual para a persoa asegurada e para cada un dos beneficiarios/as e enviaraa ao seu domicilio.


Documentación necesaria para a súa solicitude:
Titulares da Seguridade Social (persoas traballadoras e pensionistas):
  • - Documento de identificación
  • - Certificado / volante de empadroamento
  • - Cartilla da Seguridade Social
  • - En caso de que as persoas beneficiarias sexan menores de idade deberán presentar o libro de familia

Persoas sen recursos económicos suficientes:
  • - Documento de identificación
  • - Certificado / volante de empadroamento ou tarxeta censual
  • - Declaración do imposto sobre a renda ou certificación negativa da Axencia Tributaria conforme non ten obriga de facela
  • - Certificado de convivencia

 

  Concello de Tui (Praza do Concello, 1) 36700 TUI - Tfno.: 986.603625