Buscador Concello de Tui Usuario: Contrasinal: Rexistrarme
   

Concello de Tui
Departamentos
Outros

ESCOLARIZACIÓN

  • ADMISIÓN DE ALUMNOS

O procedemento de admisión que se detalla a continuación aplícase a aqueles alumnos e alumnas que acceden por primeira vez ós centros docentes públicos ou privados concertados para cursar ensinanzas correspondentes á educación infantil, á educación primaria, á educación secundaria obrigatoria e ó bacharelato.

As Administracións educativas regularán a admisión de alumnos en centros públicos e privados concertados de tal xeito que garanta o dereito á educación, o acceso en condicións de igualdade e a liberdade de elección de centro por pais e titores. En todo caso, atenderase a unha axeitada e equilibrada distribución entre os centros escolares dos alumnos con necesidade específica de apoio educativo.

Nos procedementos de admisión de alumnos en centros públicos que impartan educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou bacharelato, cando non existan prazas suficientes, terán prioridade aqueles alumnos que procedan dos centros de educación infantil, educación primaria ou de educación secundaria obrigatoria, respectivamente, que teñan adscritos. No caso dos centros privados concertados seguirase un procedemento análogo, sempre que ditas ensinanzas estean concertadas

Cando non existan prazas suficientes, o proceso de admisión rexerase polos criterios prioritarios de:

  • existencia de irmáns matriculados no centro ou pais  ou titores legais que traballen no mesmo
  • proximidade do domicilio familiar ou do lugar de traballo dalgún dos seus pais ou titores legais, ou dos alumnos ou alumnas maiores de idade ou menores emancipados.
  • rendas anuais da unidade familiar
  • concorrencia de discapacidade no alumno ou alumna, ou no seu pai, nai, titor legal ou nalgún irmán
  • a condición de familia numerosa
  • CONDICIÓNS ESPECÍFICAS DE ADMISIÓN DE ALUMNOS EN ETAPAS POSOBRIGATORIAS

Para as ensinanzas de bacharelato, ademais dos criterios establecidos no apartado anterior, atenderase ó expediente académico dos alumnos.

Nos procedementos de admisión de alumnos ós ciclos formativos de grao medio e grao superior de formación profesional, cando non existan prazas suficientes, atenderase exclusivamente ó expediente académico dos alumnos con independencia de que estes procedan do mesmo centro ou de outro distinto.

Aqueles alumnos que cursen simultaneamente ensinanzas regradas de música ou danza e ensinanzas de educación secundaria terán prioridade para ser admitidos nos centros que impartan ensinanzas de educación secundaria que a Administración educativa determine. O mesmo tratamento aplicarase ós alumnos que segan programas deportivos de alto rendemento.

  • CALENDARIO OFICIAL DE ADMISIÓN DE ALUMNADO
  • Do 1 ó 31 de marzo: Presentación de solicitude de admisión de novo alumnado e do que desexe cambiar de centro
  • Do 1 ó 20 de abril: Presentación de documentación acreditativa dos criterios de admisión. No suposto de que exista máis demanda que oferta de postos escolares, a dirección do centro comunicarlle ós interesados, a través do taboleiro de anuncios do propio centro, que deberán presentar unha solicitude de admisión coa documentación a presentar para a aplicación do baremo
  • Antes do 30 de abril: Publicación da resolución provisional de admitidos e non admitidos.
  • Formalización de matrícula:
  • Do 20 ó 30 de xuño para o alumnado de educación infantil e primaria
  • Do 25 de xuño ó 10 de xullo para o alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato
  • Prazo extraordinario do 1 ó 10 de setembro para o alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.
  • SOLICITUDE DE ADMISIÓN

As solicitudes axustaranse ó modelo oficial que se publica como anexo II  na orde de 17 de marzo de 2007. Este impreso será facilitado gratuitamente nos correspondentes centros docentes e poderase descargar na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Xunto coa solicitude os interesados presentarán a documentación acreditativa do requisito de idade e de estar en disposición de reunir os requisitos académicos esixidos en cada nivel educativo ou etapa.

Cada solicitante presentará unha única solicitude, dirixida á dirección do centro ou titular do mesmo.

A solicitude presentarase no centro que se solicita en primeiro lugar. Nela poderán relacionarse ata seis centros, por orde de preferencia, que serán considerados posteriormente, no caso de que o interesado ou interesada non se admita no centro ó que vai dirixida a solicitude.

Se o alumnos ou alumna non obtivese praza no centro solicitado en primeiro lugar, a dirección do mesmo ou o titular, no caso dos centros privados concertados, remitiralle a solicitude, xunto coa correspondente documentación, á comisión de escolarización, que procederá a escolarizar este alumnado.

O prazo de presentación de solicitudes de admisión será do 1 ó 31 de marzo.

  • PRESENTACIÓN DE DOCUMENTACIÓN ACREDITATIVA DOS CRITERIOS ALEGADOS

Naqueles centros e para as ensinanzas nas que exista mais demanda que oferta de postos escolares, as direccións dos centros abrirán un prazo do 1 de abril ó 20 de abril para que os pais, nais ou titores legais do alumnado presenten a documentación xustificativa dos méritos por eles alegados para a aplicación dos criterios de admisión do alumnado, xunto cunha copia do anexo II presentado anteriormente.

  • FORMALIZACIÓN DA MATRÍCULA

O alumnado admitido en cada centro educativo formalizará a súa matrícula nel.

Os prazos de formalización de matrícula serán os seguintes:

  • Do 20 ó 30 de xuño para o alumnado de educación infantil e primaria
  • Do 25 de xuño ó 10 de xullo para o alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato
  • Prazo extraordinario do 1 ó 10 de setembro para o alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

 

  Concello de Tui (Praza do Concello, 1) 36700 TUI - Tfno.: 986.603625