Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Parque Natural do Monte Aloia

Parque Natural Monte Aloia

O Aloia é un parque natural que non deixa indiferente a ningún visitante, esa pode ser unha das súas grandes virtudes. Ten o Aloia atractivos moi diferentes: paisaxísticos, históricos, naturais, tanto de fauna coma de flora, e ata relixiosos. Gusta a aqueles que fan sendeirismo, aos ciclistas de montaña, e por ter ata ten uns rincóns fantásticos para degustar boas comidas no monte. Máis aló dos datos técnicos o Aloia posúe uns fantásticos miradores orientados cara distintos lugares que permiten disfrutar de vistas do Baixo Miño, do Val Miñor, da Louriña ou mesmo das illas Cíes. A muralla ciclópea danos unha idea da importancia estratéxica deste monte ao longo da historia, máis aló de se foi ou non foi o último recuncho de resistencia castrexa diante dos romanos, o mítico Monte Medulio. A natureza é xenerosa neste monte, as distintas repoboacións de especies forestais permiten disfrutar dun frondoso bosque que reúne árbores senlleiras nos montes galegos.

Este foi o primeiro parque natural de Galicia. É visita obrigada o seu centro de interpretación, que dará unha idea exacta da importancia do mesmo, e proporciona pistas moi valiosas para percorrelo, grazas a un bo número de sendas, a maioría delas de pouca dificultade que permiten gozar de todos os seus atractivos.

Teñen os tudenses unha agarimosa relación con este monte, e síntense os veciños moi orgullosos do mesmo, moi visitado, para camiñar ou para compartir coa familia e cos amigos, comidas e celebracións. A romaría das Angustias, data que desde tempos remotos reúne a centos de romeiros, o primeiro domingo de xullo, remarca a importancia relixiosa deste enclave, que calquera visitante que se achegue a Tui ou á comarca non pode deixar de visitar.