Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Camiño Portugues

A rúas de Tui coñecen de vello o paso dos peregrinos Camiño de Compostela. Ao longo dos séculos o Camiño de Santiago ten contado con peregrinos ilustres, dos que hai documentado o seu paso, xunto a poboación de a pé que tamén camiñou ata o sepulcro do apóstolo.

O seu paso ao longo dos anos ten deixado unha pegada indeleble na cidade. Máis aló dos seus efímeros pasos sobre a terra, a arquitectura, o patrimonio, a cultura tense transformado grazas a formar parte desta vía de peregrinación.

Se outrora o paso de peregrinos era esporádico, ocasional, hoxe en día percorren a cotío o Camiño ao seu paso por Tui.

Tui é a porta de entrada do Camiño Portugués a Galicia, e coma tal tense situado entre os principais puntos de partida de peregrinos cara Compostela. Precisamente a distancia dende Tui a Santiago, algo máis de 100 quilómetros, é a mínima para lograr a Compostela.

Entre os peregrinos que transitan pola cidade atopamos os que iniciaron o seu Camiño en etapas anteriores en territorio portugués, e aqueles outros que apostan por Tui ou Valença coma lugar de inicio atravesando a vella Ponte Internacional. Este emblemático lugar conta con dúas pegadas marcadas na metade da infraestrutura na que os peregrinos poden ter un pé en cada país.

A avenida de Portugal, o barrio da Barca, o Arrabal de Freanxo, son os primeiros puntos polos que pasan os peregrinos tras pasar a vella Ponte. Adéntranse a continuación no conxunto histórico polo Piñeiro, a rúa Sanz, ata chegar á praza de San Fernando onde a Catedral de Santa María sorprende co seu crisol de estilos do románico ao gótico. É preciso deterse para coller folgos trala subida ata este punto, pero tamén para contemplar o monumento que se foi construíndo ao longo dos séculos e no que as peregrinacións deixaron múltiples testemuñas.

A praza do Concello e o calexón das Monxas, ao pé do convento das Clarisas, trazan o camiño cara o túnel das monxas para seguir serpenteando polas estreitas rúas tudenses ata chegar á rúa Coengo Valiño, no barrio de Santo Domingo. A igrexa conventual do mesmo nome érguese a pé do Camiño do mesmo xeito que máis adiante o fai a de San Bartolomeu.  Á súa beira o percorrido leva aos peregrinos ata un traxecto dominado pola natureza que desemboca preto da ponte románica da Veiga do Louro. O camiño transcorre entre árbores e cruza despois ata a igrexa da Virxe do Camiño, na parroquia de Rebordáns, e de Ribadelouro para chegar até a Ponte das Febres. Neste lugar enfermou San Telmo, patrón de Tui e dos homes do mar, e así o recolle un pequeno fito instalado no lugar. Entre árbores continúa o percorrido até o termo municipal do Porriño.

Tui conta cun albergue oficial da rede da Xunta de Galicia na rúa párroco Rodríguez Vázquez. Nos últimos anos teñen aberto na cidade outros albergues privados que ofrecen tamén os seus servizos aos peregrinos.  A oferta hostaleira complétase con hostais, hoteis, un balneario e un parador de Turismo.

Existen tamén outros establecementos enfocados en ofrecer os seus servizos aos peregrinos.

Información práctica

Credencial do peregrino: Pode adquirirse ao prezo de 2€ na Catedral en horario de 9 a 14h e de 16 a 20h