Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Títeres Cachirulo presenta en Tui “Camiño de Aventuras”

23/08/2006

Títeres Cachirulo presenta en Tui “Camiño de Aventuras”
A Praza de San Fernando acollerá este espectáculo o venres ás 22.30h

Os nenos son os principais destinatarios do espectáculo que este venres pecha a programación do Verán Cultural de Tui que organiza a Concellería de Cultura. Títeres Cachirulo achega a Tuia súa “Camiño de Aventuras” dirixida por Jorge Rey quen actúa tamén coma manipulador xunto a Carmen Domech das luvas chinesas.

En “Camniño de Aventuras” o titiritero, Maesse Pedro, chega no seu carromato para representar as historias do Camiño de Santiago, que foi recollendo no seu longo camiñar. Achegará os máis increíbles personaxes: raíñas, emperadores, cabaleiros e malfeitores. Don Gaiferos, o príncipe Abul, a raíña Isabel e o mestre Mateo xunto á Santa Compaña, Os Cabaleiros templarios e un sin fin de personaxes viven as máis disparatadas aventuras dentro desta barraca de soños

A obra vai especialmente dirixida ao público infantil pero de seguro que espectadores de todas as idades gozarán da magnífica posta en escena de Títeres Cachirulo.

A representación comezará ás dez e media da noite na Praza de San Fernando. En caso de choiva ao comezo da montaxe o espectáculo trasladaríase ao Teatro Municipal da Área Panorámica. Nese caso será preciso retirar as localidades dende ás nove e media da noite, de xeito gratuíto, na billeteira da Área Panorámica.

A Compañía Títeres Cachirulo naceu en 1986 en Santiago de Compostela, representando o seu primeiro espectáculo na I Mostra da Literatura Infantil e Xuvenil, realizada no Pazo de Bendaña en Xaneiro do 86.

Dende os seus comenzos Títeres Cachirulo fixo obras de carácter infantil orientadas a unha comunicación directa dos rapaces e rapazas cos títeres, estas montaxes tiveron unha cálida acollida por parte dos cativos que pronto converteron a Cachirulo nun grupo emblemático de Santiago. Espectáculos como Falabarato, Don Gaiferos, A Bela e a Besta ou Xoguetes, aínda hoxe son lembrados como referencia dunha época.

Dende 1990 a compañía iniciou unha liña de investigación teatral e na construción de marionetas e obxectos escénicos, así como a incorporación de obras para adultos dentro do seu repertorio. Nos últimos anos Cachirulo está dando a coñecer o seu traballo alén das fronteiras galegas, levando o seu teatro de títeres a diferentes mostras e festivais fundamentalmente de Europa e America Latina.

Na actualidade Títeres Cachirulo mantén un variado repertorio de espectáculos en carteleira onde se mesturan producións para nenos, adultos e todos os públicos.

Títeres Cachirulo con “Camiño de Aventuras”
Data: Venres 25 de agosto ás 22.30h
Lugar: Na Praza de San Fernando
Se chove será no Teatro Municipal na Área Panorámica, nese caso debe retirarse as localidades unha hora antes do comezo da función de xeito gratuíto.