Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

A partir de mañá un experto en seguros asesorará aos afectados pola explosión de Paramos

13/06/2018

No Centro de Afectados estase a elaborar unha listaxe de empresas e técnicos interesados en participar nas obras de reconstrución

A partir de mañá xoves un avogado experto en seguros, contratado polo Concello, asesorará aos afectados nas tramitacións e reclamacións ante as súas compañías de seguros. Atenderá aos interesados os martes e xoves de 16 a 20h no Centro de Afectados. É preciso que para realizar a súa consulta os afectados leven a póliza do seguro.

Lembramos que o Centro de Afectados, no Centro Municipal de Formación en Guillarei, abre de luns a venres de 10 a 14h e os martes e xoves de 16 a 20h.

Listaxe de empresas e técnicos interesados en participar nos labores de reconstrución

Por outra parte para poder facilitar aos afectados que o desexen unha listaxe con técnicos e empresas interesadas en realizar os labores de reconstrución e rehabilitación das edificación danadas pola explosión do pasado 23 de maio, dende o Centro de Afectados estanse a confeccionar unha serie de listaxes nas que se poden inscribir as empresas e profesionais interesados.

Por unha banda as empresas interesadas en figurar na listaxe deben enviar un correo a urbanismo.afectados@concellotui.org onde figure o nome da empresa, persoa de contacto, enderezo, teléfono e correo electrónico, así coma unha pequena descrición dos traballos que realizan. A listaxe completa, que se irá actualizando diariamente, será facilitada aos afectados que o soliciten.

Por outra parte dende a xerencia urbanística da catástrofe solicitouse aos colexios oficiais de arquitectos e arquitectos técnicos unha listaxe dos seus colexiados interesados en realizar as memorias valoradas que precisan os afectados para a solicitude das subvencións. A relación destes técnicos será tamén proporcionada aos afectados que a soliciten.