Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde de Tui fará un derradeiro tento de aprobar os orzamentos de 2018

3/05/2018

Considera que non contar coas contas aprobadas é lesivo para Tui. De aí a oferta que fai para negociar cun so grupo e ter un acordo pechado antes de levalos de novo a pleno

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, fará un derradeiro tento de aprobar os orzamentos do Concello de Tui para 2018, ao considerar que “a non aprobación dos orzamentos é moi lesiva para Tui”. Por este motivo o rexedor fai unha última oferta aos grupos políticos nos que se integran os nove concelleiros da oposición para tentar chegar a un acordo con algún deles, e poder sumar os 9 votos precisos para sacar adiante as contas.

Sinala Carlos Vázquez Padín que dado que o proceso de negociación aberto nas últimas semanas non frutificou “pese a termos adaptado o proxecto de orzamentos en grande medida ás pretensións da oposición”  amosa agora a disposición do goberno a “dar unha última oportunidade ao acordo, e negociar os orzamentos cun único grupo, calquera que estea disposto a facelo”. Trataríase, aclara, dun “acordo pechado para aprobar os orzamentos que garanta os nove votos necesarios e que debería facerse público antes de que se levase ese novo proxecto de orzamentos a pleno”. Incide nese senso en que “só volveriamos a levar a pleno os orzamentos se previamente e con carácter público podemos anunciar que temos os votos necesarios para garantir a súa aprobación”.