Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Música e Teatro no comezo da programación deste ano no Teatro Municipal de Tui

1/02/2018

Mañá venres ás 20h actúa Mamá Cabra e o sábado ás 20.30h Titzina Teatre

Dobre cita é a que temos esta fin de semana no Teatro Municipal de Tui para iniciar a programación cultural de 2018 neste espazo escénico.

Mañá venres ás 20h será a quenda de Mamá Cabra co espectáculo “Paxaro Amigo, música para a paz” no que se mestura a música, o teatro, e a poesía dirixido a público familiar a partir dos 3 anos. A protagonista é a bruxa Discordia cuxa vida cambiará para sempre grazas a súa curmá a fada e a un ornitólogo que busca un paxaro en extinción que só vive en recunchos de amor e paz.  Sobre o escenario estarán Gloria Mosquera, voz, guitarra e actriz; Iago Rodríguez, baixo e percusión; Diego Maceiras, teclado e acordeón; Harry Prince, violín, e Luís Iglesias “Luchi”, actor.

As entradas poranse á venda mañá ás 18h no despacho de billetes ao prezos de 4€ e 3€.

Mentres o sábado ás 20.30h será a quenda de Titzina Teatre de Cerdanyola del Vallé que representará a súa última montaxe “La Zanja” para público adulto a partir dos 14 anos.
Nesta obra o humor e a emoción están presentes nunha historia que nos transporta até o descubrimento de América protagonizada polo “descubridor” Pizarro e o derradeiro rei inca Atahualpa. Dous continentes, de distintas raíces culturais, dous mundos diferentes obrigados a entenderse. Unha viaxe paralela entre o presente e o pasado que trata sobre a nosa historia e a condición humana.  Diego Lorca e Pako Merino son os autores, directores e actores desta montaxe teatral.

As entradas estarán á venda o sábado dende ás 18.30h no despacho de billetes ao prezo de 6€ e 4,5€.

Por problemas técnicos para estes dous espectáculo non está dispoñible a venda on-line de entradas.

Mamá Cabra con “Paxaro Amigo, música para a paz”

Data: Venres, 2 de febreiro, ás 20h
Lugar: Teatro Municipal de Tui
Entradas: Á venda o venres dende ás 18h no despacho de billetes
Prezos: 4€ e 3€

Titzina Teatre con “La Zanja”

Data: Sábado, 3 de febreiro, ás 20.30h
Lugar: Teatro Municipal de Tui
Entradas: Á venda o sábado dende ás 18.30h no despacho de billetes
Prezos: 6€ e 4,5€