Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz protagonizan “Falar sen cancelas”

27/02/2018

Trátase dunha proposta de humor que poderemos disfrutar este venres ás 21.30h no Teatro Municipal de Tui

Este venres, 2 de marzo, ás 21.30h chega ao Teatro Municipal de Tui o espectáculo "Falar sen cancelas" con Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz. É unha proposta de hora e media de humor sobre a galeguidade, a lingua, as nosas costumes e ritos; unha festa de gags cómicos e situacións nas que veremos o mellor (e o peor) de nós mesmos porque o falar ... non ten cancelas.

Comedia, clown e improvisación mestúranse ao longo dos 75 minutos que dura o espectáculo, producido por Culturactiva SCG e dirixido por Diego Rey.

Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz son tres cómicos excepcionais que amosan a súa experiencia e a súa compenetración artística, labrada durante 15 anos de colaboración en diferentes espectáculos, intercalando sobre o escenario unha serie de diálogos, gags e xogos de improvisación que farán de cada representación unha aventura diferente e única.

Falar sen Cancelas parte da descuberta dun andazo que está acabando coa galeguidade. Os tres humoristas foron atacados por este estraño virus, que fai que non poidan falar galego en público...  pero non son capaces de quedar cruzados de brazos perante semellante problema, e buscan unha solución. Os acontecementos van desembocando nun aloucado espectáculo cheo de retranca, improvisación e reflexións cómicas sobre a galeguidade.

As entradas están á venda en www.culturatui.info até o venres ás 12h ou o venres dende ás 20h no despacho de billetes. Prezos: 6€ e 4,5€.