Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Convocatoria da prestación económica por fillos e fillas menores de 3 anos

1/02/2018

O prazo está aberto até o 21 de marzo. Pódese ampliar a información no departamento de Servizos Sociais.

O pasado 31 de xaneiro a Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia a orde para a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2018.

Poden beneficiarse destas achegas as persoas que con data de 1 de xaneiro de 2018 teñan ao seu cargo menores de tres anos (nados entre o 02/01/2015 e o 01/01/2018 incluídos) e que nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración do IRPF correspondente ao ano 2016. As persoas que cumpran estes requisitos terán dereito a percibir unha prestación que consistirá nun pagamento único de 360 euros pola primeira filla ou fillo, de 1200 euros pola segunda ou segundo e de 2400 euros polo terceiro e sucesivos. Tamén poderán beneficiarse desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2016 e o 31 de decembro de 2017.

Prazo de presentación: 01/02/2018 - 21/03/2018.

Prazo de resolución: Cinco meses

Tipo de axuda e contía:
A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida
dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:
a) Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.
b) Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.
c) Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

Beneficiarios

  • Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2018 (nados entre o 2.1.2015 e o 1.1.2018, incluídos) e que, durante o ano 2016, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estaren obrigadas a iso.
  • No caso de fillas ou fillos adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2016 e o 31 de decembro de 2017, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou o acollemento.

Requisitos

  1. Será requisito necesario para a concesión da prestación:
    • Que as persoas proxenitoras teñan a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que non quede acreditada a dita circunstancia pola presentación do xustificante de empadroamento, poderán ser requiridas para que presenten documentación complementaria que o demostre.
    • Que na data da solicitude os nenos ou as nenas convivan coa persoa solicitante.
  2. Os requisitos para ter dereito a esta prestación deberán reunirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

Documentación
Débese presentar a solicitude e a seguinte documentación:

  1. Copia do libro ou libros de familia en que consten todas as fillas e fillos da persoa solicitante ou certificación de nacemento do rexistro civil de cada unha das fillas ou fillos da persoa solicitante, para efectos de acreditar a data de nacemento e o número de orde que ocupa a filla ou fillo na descendencia da persoa solicitante.
  2. Xustificante de empadroamento conxunto de todos os membros da unidade familiar. Estes xustificantes deberán ter unha antigüidade máxima de 6 meses.
  3. No caso de nulidade, separación ou divorcio copia da sentenza ou da resolución xudicial que estableza as medidas paternofiliais dos fillos e fillas comúns, acompañada, de ser o caso, do correspondente convenio regulador.
  4. Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou acollemento, no suposto de que a súa formalización se realizase noutra comunidade autónoma, de ser o caso.
  5. Anexo II debidamente cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non figure como solicitante e que forme parte da unidade familiar. De non achegar este documento deberá xustificarse achegando a documentación que figura na letra c) deste artigo ou certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

Os interesados poden ampliar esta información no departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui.

Acceso á información na Sede Electrónica da Xunta