Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Baobab Teatro presenta “Pum, pum!” este sábado ás 19h no Teatro Municipal

8/03/2018

Vai dirixida a público familiar a partir dos 4 anos, e mestura monicreques, teatro de actor, máscaras e sombras

Tenrura, simbolismo e maxia son tres elementos que atopamos en “Pum, Pum!” un novo proxecto de Baobab Teatro que chega este sábado, 10 de marzo, ás 19h ao Teatro Municipal de Tui.  Dirixida por Óscar Ferreira con guión de Andrea Bayer mestura monicreques, teatro de actor, máscaras e sombras. Conta amais con música orixinal creada para o espectáculo e interpretada en directo.   

Andrea Bayer e Davide González estarán sobre o escenario para achegarnos a historia de Marieta, unha nena coma calquera nena de 5 anos, rodeada de portas que se abren e contan historias e teñen música. Pero hai unha porta que garda un segredo que Marieta nunca contou.

Neste espectáculo Baobab ofrece diferentes lecturas segundo o público. Para as nais e pais a mensaxe de que hai que estar atentos aos nosos/as fillos/as e sobre todo, transmitirlles que ninguén pode facer nada sen o seu consentimento; e para os/as  nenos/as, que non garden un mal segredo, xa que ao contalo pesará menos.

“Pum, pum!” vai dirixida a público familiar a partir dos 4 anos.  

As entradas están á venda en www.culturatui.info até o sábado ás 12h, ou no despacho de billetes o sábado dende ás 17.30h, aos prezos de 4€ e 3€.

Baobab Teatro con “Pum, Pum!”

  • Lugar: Teatro Municipal de Tui
  • Data: sábado, 10 de marzo, ás 19h
  • Entradas: á venda en www.culturatui.info até o sábado ás 12h, ou no despacho de billetes o sábado dende ás 17.30h, aos prezos de 4€ e 3€.