Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Asinado o convenio para a sinalización da antiga Via romana XIX ao seu paso por Tui

27/09/2006

O presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, asinou onte un convenio de colaboración con 12 alcaldes da provincia, co obxecto de recuperar, limpar e sinalizar tramos da Vía Romana XIX ó seu paso por estas localidades. Concretamente, o titular do organismo provincial asinou os convenios co alcalde de Tui, Antonio Feliciano Fernández; co de Porriño, Raúl Francés; coa de Mos, María Xesús Escudeiro; co de Redondela, Xaime Rey; co de Soutomaior, Agustín Reguera; co de Vilaboa, Luís Poceiro; co de Pontevedra, Miguel Fernández Lores; co de Barro, Antonio Landín; co alcalde de Portas, Roberto Vázquez; co de Caldas, José María Tobío; co de Valga, José María Bello; e, finalmente, co rexedor de Pontecesures, Luís Álvarez Angueira. (Ó acto non puideron asistir o alcalde de Barro e a alcaldesa de Mos).
Este acordo de colaboración está enmarcado no proxecto de Interreg III-A Vías Atlánticas co obxecto de desenvolver as seguintes accións:
1. Limpeza dos tramos “Pedra Picada” (San Salvador de Lérez- Pontevedra) e “Lombo da Maceira” (Barro-Pontevedra) cunha inversión de 30.000 euros
2. Sinalización da ruta empregando catro tipos diferentes de sinais, cunha inversión de 62.610,00 euros. (En principio deseñáranse tres tipos de sinalizacións, non obstante incluíuse unha nova co obxecto de mellorar o coñecemento da vía). En total instalaranse 100 sinais: nove mesas interpretativas; 33 sinais direccionais en granito; 30 sinais de dirección máis pequenas en granito; e, finalmente, 28 sinais urbanas en bronce
3. Intervencións arqueolóxicas en: miliario de Santiaguiño de Antas (Mos), “posible” miliario en San Martiño de Salcedo (Pontevedra), e no lugar de Lombo da Maceira (Barro) cunha inversión de 12.000 euros.
As contratacións e o financiamento das actuacións serán asumidas pola Deputación de Pontevedra, mentres que os concellos serán os encargados de facilitar as respectivas autorizacións e permisos, ademais de comprometerse a asumir o mantemento en boas condicións das accións realizadas durante un prazo de dous anos dende a entrada en vigor do convenio.
En Tui haberá seis sinais urbanas en bronce que se colocarán na avenida de Portugal, fronte a ponte de Eiffel, no cruce da avenida coa rúa Parador, na rúa Piñeiro, na praza da Armada Española, na rúa Antero Rubín a carón de Santo Domingo e, por último, no cruce da rúa Canónigo Valiño con San Bartolomeu. A sinalización completarase coa instalación dunha mesa interpretativa en granito que se situará diante da igrexa de San Bartolomé de Rebordáns e en tres sinais direccionais en granito que se situarán na rúa Arraial, no Camiño Novo e nas proximidades de Virxe do Camiño. Ademais, en Tui tamén se instalarán seis sinais direccionais pequenas en granito instalaranse na Avenida de Portugal, tralo posto transfronteirizo, nas proximidade do Virxe do Camiño, preto da Ponte Nova, nas proximidades da igrexa parroquial e da caseta telefónica de Ribadelouro e en Bouzón.
O proxecto está enmarcado dentro da iniciativa comunitaria Interreg III-A e ten como fin lograr a recuperación da antiga Vía Romana XIX, como itinerario fronteirizo de longo percorrido turístico e cultural. Este proxecto, por tanto, integra nunha proposta conxunta valores arqueolóxicos, patrimoniais, medioambientais e ecolóxicos. O proxecto ten como xefe de fila a Deputación de Pontevedra, pero está conformado por outros seis socios españois, Deputacións de A Coruña e de Luga, Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social, Concello de Lugo, Consejo Superior de Investigaciones Científicas e a USC, e outros seis socios portugueses, os municipios de Braga, Ponte de Lima, Paredes de Coura, Valença e a Cámara Municipal de Villa Verde e a Universidade de Minho. En total. dispón dun orzamento de 1.670.640 euros, dos que o FEDER financia o 75%.