Bandeira e Escudo

Escudo e bandeira de Tui

Tui conta con escudo e bandeira oficiais aprobados pola Xunta cos decretos 139/2016 e 140/2016, do 20 de outubro de 2016, publicados no Diario Oficial de Galicia do 31 de outubro de 2016.

A bandeira consta de  pano azul con franxa horizontal branca dun terzo do ancho. Mentres o escudo tudense é “de azur, o crecente de prata sinistrado de tres estrelas de ouro. Ao timbre, a coroa real”

O Concello de Tui considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva. A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais corresponde á Comunidade autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.